A preincubadora de Tecnópole e a Universidade de Vigo abre unha nova convocatoria para proxectos emprendedores

Catro espazos gratuítos durante seis meses nos niños do Centro de Empresas e Innovación (CEI) ou na sala de coworking do Parque Tecnolóxico de Galicia, segundo dispoñibilidade. Esta é a oferta para a que a preincubadora de Tecnópole e a Universidade de Vigo abre unha nova convocatoria a proxectos emprendedores ata o 12 de maio.

Os universitarios que presenten as catro mellores propostas poderán instalarse nestes espazos sen gastos de Internet nin de electricidade e contarán con formación e asesoramento gratuíto por parte da Cámara de Comercio e Industria e da Confederación de Empresarios de Ourense.

A presentación da convocatoria tivo lugar a semana pasada no Campus de Ourense nun acto que contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus; Alberto Vaquero, director da área de Descentralización do campus; Luisa Pena, directora de Administración e Finanzas do Parque Tecnolóxico de Galicia; Victoria Rois, secretaria xeral da Cámara de Comercio e Industria de Ourense, e Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Ourense.

A directora financeira do Parque Tecnolóxico de Galicia, Luisa Pena, destacou o importante que é para a entidade “formar parte dunha comunidade de talento na que está integrada a Universidade e que, a través da colaboración, permite que os emprendedores que fan do coñecemento o seu principal activo teñan acceso non só a un espazo, senón tamén a servizos de alto valor engadido como os asociados á preincubadora”. Neste sentido, Luisa Pena recordou o compromiso de Tecnópole co emprendemento a través do seu Centro de Empresas e Innovación, a maior incubadora da provincia de Ourense, na que á oferta de niños adaptados ás diferentes necesidades se unen servizos especializados de apoio e acceso a actividades de networking e a instalacións científico-técnicas como o laboratorio de biotecnoloxía e o centro de experimentación en enerxías renovables.

“Este tipo de iniciativas son o mellor exemplo dos froitos que dá a sinerxía de colaboración entre as institucións”, destacou María Lameiras. Ademais deste espazo, apuntou Victoria Rois, “os gañadores terán unha formación á medida” grazas ás entidades implicadas”. “Hoxe máis que nunca temos que ilusionar aos máis novos para que sexan os empresarios do futuro”, engadiu Jaime Pereira.

Para alumnado e egresados

Segundo explicou Alberto Vaquero, os proxectos que se presenten á convocatoria deberán ser elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas, que necesariamente deberán ser alumnos matriculados na Universidade de Vigo en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou máster, ou persoas tituladas pola Universidade de Vigo no curso 2010/2011 ou posteriores. As propostas, que deberán ser orixinais, poderán pertencer a calquera das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo desta Universidade, como son Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería e Arquitectura.

A avaliación dos proxectos atenderá primordialmente o seu espírito emprendedor, valorándose especialmente criterios como o carácter innovador do proxecto, o seu nivel de desenvolvemento e a súa viabilidade; o seu potencial para a creación de emprego e a internacionalización; o aproveitamento dos recursos dispoñibles; a sustentabilidade da iniciativa; o nivel de implicación real dos seus promotores; e a responsabilidade social do proxecto.

Ao igual que o curso pasado, asignaranse un máximo de catro espazos de traballo na sala de coworking, situada no edificio Tecnopole I, ou en locais libres do edificio CEI, por un período de seis meses prorrogable ata un ano. Esta asignación consistirá nunha subvención por parte de Tecnopole do 100% do canon de uso das infraestruturas nas súas instalacións, o uso gratuíto dunha wifi de ata 5 GB de tráfico, o consumo de electricidade, sempre que non se detecte un uso abusivo ou anormal, e o acceso ao resto do servizos comúns do que dispón as instalacións, logo de autorización por parte de equipo de dirección de Tecnopole.

Os beneficiarios poderán tamén participar de forma gratuíta en actividades de formación e asesoramento de interese para os emprendedores organizadas pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense e a Confederación de Empresarios de Ourense. Unha vez constituída a empresa, os emprendedores terán un prazo máximo de catro meses para abandonar a preincubadora.

Prazo ata o 12 de maio

O prazo para inscribirse nesta convocatoria estará aberto ata o 12 de maio de 2014 inclusive e realizarase mediante a presentación no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo ou en calquera dos seus rexistros auxiliares da documentación requirida, entre a que se inclúe unha descrición da idea cunha extensión máxima de dez páxinas, o currículo de todas as persoas solicitantes e unha carta de interese na que os emprendedores xustifican a súa motivación na participación nesta convocatoria, así como as súas expectativas en caso de resultar gañadores.

O proceso de selección producirase en dúas fases, realizándose unha primeira entrevista persoal e unha posterior selección, entre os proxectos finalistas dos gañadores, por parte dunha comisión.

Texto da convocatoria.

Formulario de inscrición.

(Fonte: Tecnópole e DUVI)