A preincubadora de Tecnópole dá a benvida a catro novos proxectos emprendedores

O xoves pasado comezou a aventura empresarial para os promotores dos 12 proxectos gañadores da cuarta edición dos Premios Incuvi-Emprende, a máis numerosa dende que arrancou esta iniciativa. Por primeira vez, a preincubadora da Tecnópole e a Universidade de Vigo integrouse nesta convocatoria.

Os seis proxectos gañadores do campus de Vigo, catro de Ourense e dous de Pontevedra foron seleccionados entre un total de 44 iniciativas presentadas por máis de 70 estudantes emprendedores e emprendedoras.

Para eles e elas arranca un ano de intenso traballo nas instalacións da pre incubadora do campus Vigo, de AJE en Pontevedra e na Tecnópole de Ourense. O reitor da Universidade, Salustiano Mato, entregou as chaves destes espazos aos galardoados xunto cos representantes das empresas e institucións colaboradoras e recordou que “cada vez sodes máis, cada vez máis ideas e máis talentos que se suman ás iniciativas emprendedoras da nosa Universidade e cada vez en máis ámbitos do saber, non só do mundo tecnolóxico e científico, senón tamén das humanidades e do campo xurídico social”.

As tres primeiras edicións dos Premios Incuvi-Emprende deron acubillo a 20 iniciativas, algunhas delas consolidadas xa como empresas. Ademais de local durante un ano, os gañadores reciben teléfono fixo e móbil, un dispositivo de web-TV e a asistencia gratuíta a cursos e sesións organizados polas entidades patrocinadoras.

Ademais, os premiados recibiron xa os seus primeiros consellos, de parte precisamente dun dos galardoados na pasada edición, Rodrigo Garrido, de Stuckers, unha empresa que pon en contacto a persoas que buscan un piso compartido. “O Noso paso por Incuvi foi clave”, recoñece, pero recorda que “emprender é como un maratón, unha montaña rusa de emocións”. Aos que agora toman o seu relevo aconséllalles ser rápidos, “porque é mellor fracasar rápido e barato que lento e caro”. Tamén lles recomendou non buscar o produto perfecto, “xa virá co tempo”, e engade a esta lista escoitar moito e estar disposto a colaborar; traballar duro, “é o único xeito de que vos tomen en serio”; aproveitar as sinerxías con outros emprendedores e os contactos e “sobre todo, crede en vós mesmos”.

Catro iniciativas destino Tecnópole

A Banda de Música Lira de Ribadavia reuniunos cando tiñan catorce anos e dende entón transcorreu tempo de sobra para confirmar que “sabemos traballar en grupo”. Así explica Nicolás Álvarez as orixes da unión que mantén con Daniel Rodríguez, Jairo Rodríguez e Iván Estévez, que se ben comezou coa música como nexo, co paso do tempo derivou na posta en marcha de Traster, unha plataforma dirixida a poñer en contacto persoas que necesitan reparar ou revisar un ordenador con profesionais cualificados. “¿a quen non lle preguntaron algunha vez, ti coñeces alguén que arranxe un ordenador?”, explica Nicolás Álvarez para referirse á orixe desta iniciativa na que participan titulados en Enxeñería Informática, ADE e Tradución. “Dá moito respecto isto de emprender, pero non falta ilusión e ganas de facer ben as cousas e dispoñer dun local e asesoramento é moi importante para nós”, asegura un dos socios de Traster.

Pola súa banda, Ibeeagro chegará a Tecnópole con parte do camiño percorrido, xa que os seus promotores, os enxeñeiros Sergio Eiriz e Javier Pesado, xa levan tempo traballando neste sistema de monitorización agrícola. “Para nós é moi importante poder contar cun espazo no que continuar desenvolvendo este proxecto, así como dispoñer de titorización, sobre todo en cuestións como o financiamento ou o plan de negocio,”, explica Sergio Eiriz. Ao promotor de Ibeeagro a iniciativa emprendedora vénlle de familia, “unha vocación que agora estou disposto a continuar e o tempo dirá se vai adiante”.

Completan a nómina de proxectos Meigalabs, un estudo de desenvolvemento de aplicacións móbiles, e Consultoría Deportiva, que prestará servizos relacionados co deporte, o ocio e o turismo.

(Fonte: DUVI)