A través desta convocatoria seleccionaranse catro proxectos que se incubarán en Ourense, dous en Pontevedra e seis en Vigo. Esta iniciativa, que vai xa pola súa quinta edición, trata de fomentar o espírito emprendedor tanto dos estudantes como dos titulados para que poidan converter unha idea de negocio nunha realidade empresarial. Os seleccionados e seleccionadas terán á súa disposición durante un ano espazos, ademais de na Tecnópole, nas oficinas de Incuvi na Cidade Universitaria de Vigo e na preincubadora de AJE en Pontevedra.
Os interesados e interesadas en participar deben presentar as súas solicitudes antes do 19 de xaneiro, sempre e cando rematasen os seus estudos na Universidade de Vigo no curso 2012/13 ou posteriores ou sexan alumnado actual de calquera das titulacións oficiais. Os participantes poden solicitar o campus da súa preferencia, independentemente de onde cursen estudos e, no caso de non ser seleccionados para o campus da súa elección, poderán ser tidos en conta para os outros espazos.
Os proxectos que se presenten á convocatoria poderán ser individuais ou en grupos dun máximo de catro persoas, sempre que a empresa non teña sido premiada nalgunha outra convocatoria ou certame. Para a valoración dos traballos terase en conta o carácter innovador do proxecto, a súa viabilidade, o seu nivel de desenvolvemento, a empregabilidade, o potencial internacional, o aproveitamento dos recursos e a sostenibilidade, así como a incorporación de perspectiva de xénero ou o grao de responsabilidade social.
As persoas ou equipos seleccionados terán un ano por diante para converter a súa idea emprendedora nunha realidade, nos espazos e cos medios postos ao seu dispor e coa axuda de asesores e profesionais que lles ofrecerán formación complementaria.
Premio Avanza
A principal novidade desta convocatoria é o Premio Avanza, unha aposta pola consolidación dos mellores proxectos que se presenten a Incuvi-Emprende. A esta convocatoria poderán presentarse os gañadores e gañadoras das anteriores catro edicións de Incuvi-Emprende en calquera dos campus.
A idea é seleccionar as dúas ideas con máis potencial para ofrecerlles un programa de mentorización, formación e acompañamento co obxectivo de consolidar o proxecto e constituílo como empresa, garantindo así a evolución dos proxectos viables nacidos ao abeiro da Universidade de Vigo. Por iso, para poder presentarse a esta convocatoria é preciso ter completado o período de preincubación, contar cun plan de empresa e asumir o compromiso de continuidade do proxecto e é preciso que o 50% dos membros actuais do equipo estean no proxecto dende que presentaron a súa solicitude a Incuvi-Emprende.
Igual que no caso da convocatoria xeral, para os Premios Avanza as solicitudes poden presentarse ata o 19 de xaneiro. Un dos proxectos seleccionados terá unha subvención dos custos da estadía por un período dun ano no parque de Porto do Molle e outro nos espazos do CITI na Tecnópole.