A planta de biogás de Coren evitará emitir 5.500 toneladas de carbono

Coren foi a primeira industria cárnica de España, e unha das primeiras de Europa, en contar cunha planta de biogás que permite aproveitar e valorizar os residuos orgánicos para xerar biogás como fonte principal de enerxía térmica. A medida evitará que se emitan á atmosfera 5.500 toneladas de carbono ao ano, o que equivale a 960 hectáreas de arboledo. O proxecto supuxo un investimento de case 3,6 millóns de euros, dos que a Xunta financiou o 30 %.

Aplicar unha política enerxética baseada no coidado ambiental, a eficiencia enerxética e o uso das enerxías renovables son algúns dos motivos polos que Coren apostou por construír unha planta de dixestión anaeróbica no Centro de Procesado Avícola de Santa Cruz de Arrabaldo, en Ourense. A posta a punto desta instalación reactívase agora, despois do retraso sufrido con motivo do confinamento pola crise do coronavirus.

Explican na compañía que é unha iniciativa pioneira no sector agroalimentario cárnico en España, e das máis novas de Europa en xeración de biogás, unha fonte de enerxía limpa. A nova planta está destinada a aproveitar e valorizar os residuos orgánicos do Centro de Procesado Avícola, mediante un proceso de dixestión anaeróbica, que consiste nunha fermentación levada a cabo por bacterias anaeróbicas en ausencia de osíxeno. A través deste proceso, o 85 % da carga orgánica do residuo transfórmase en biogás, alcanzando unha produción de 9.000 metros cúbicos por día, cunha riqueza dun 70 % de biometano, mediante un sistema de control dixital que garante a máxima eficiencia. Mentres, o 15 % da materia restante pasa por un proceso de compostaxe para transformarse nun fertilizante orgánico rico en nutrientes como o nitróxeno e o fósforo, perfectamente apto para o seu uso en agricultura.

Reducir a pegada de carbono

Con esta planta, a empresa evita o uso de combustibles fósiles e, en consecuencia, logra tamén a redución da pegada de carbono. De feito, a instalación evita a emisión de preto de 5.500 toneladas de carbono ao ano, o que representa o equivalente a 950 hectáreas de superficie de zona arboredo.

«Trátase dun exemplo de economía circular polo aproveitamento e uso eficiente dous recursos existentes mediante a súa transformación, baseándose nos principios de reutilización, reciclaxe e valoración enerxética», explican en Coren. Pero é que, ademais, este proxecto enmárcase dentro do plan de sustentabilidade enerxética e ambiental do Grupo Coren, que pretende cubrir con enerxías renovables máis do 80 % das necesidades de consumo térmico do seu Centro de Procesado Avícola ao longo do vindeiro ano.

Fonte: La Voz de Galicia