A piscina e as instalacións deportivas de Tecnópole abren de novo ao público, con aforo limitado ao 75% da súa capacidade máxima

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- acaba de abrir ao público a piscina e súas instalacións deportivas, que están a disposición de calquera particular, familia ou grupo, ademais das persoas que traballan no Parque. A piscina permanecerá aberta durante todo o verán, ata o vindeiro 8 de setembro.

Esta apertura faise cumprindo coa normativa dentro do protocolo de actuación de medidas fronte á covid-19. Nesta liña, as duchas do vestiario permanecerán pechadas, só se poderá facer uso das duchas exteriores. Nos bancos do vestiario están sinalizadas as zonas de asento, respectando a distancia de seguridade entre persoas. Na entrada de cada vestiario hai papel e dispensadores de xel hidroalcólico para os usuarios da piscina.

No acceso ás instalacións da piscina hai un control de aforo, que está limitado ao 75% da capacidade máxima. É obrigatorio respectar a distancia social, tanto no vestiario como no exterior. E saliéntase que non se poderán facilitar hamacas nin parasoles aos asistentes.

Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia lémbrase que en todo o recinto se dispón de acceso a wifi gratuíto para os bañistas. Ademais, o acceso á piscina realizarase, tal como se fixo o ano pasado, a través dunha aplicación móbil (dispoñible para a súa descarga tanto en Android como en iOS). Desde esta aplicación, que é gratuíta, poderanse adquirir os tecnópoles necesarios para poder acceder á piscina e ao resto de servizos ofertados, como o alugueiro de canchas de tenis. Os empregados das empresas pertencentes ao Parque poden gozar dun desconto especial  á hora de adquirir os devanditos tecnópoles a través da aplicación.

O director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, insiste na “importancia de cumprir a normativa vixente para que entre todos poidamos seguir facendo Tecnópole Virus Free”, recordando a campaña que ten en marcha Tecnópole de cara a lograr un Parque libre de coronavirus e adaptado á nova normalidade.

As instalacións deportivas do Parque ocupan unha superficie total duns 16.000 m2. Inclúen, ademais da piscina descuberta de 25 metros de longo e 12,50 m de ancho, unha pista polideportiva descuberta e dúas pistas de tenis.