Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole reabriu a piscina situada nas súas instalacións, en horario ininterrompido de 12 a 21 horas todos os días da semana. Durante as dúas primeiras xornadas o acceso foi gratuíto, para darlles a benvida de novo a todos os usuarios e usuarias que demandaban a reapertura da piscina.
As instalacións foron totalmente remodeladas e actualizadas grazas a un investimento de máis de 300.000 euros por parte da Xunta de Galicia. O sistema de depuración, os vestiarios e o propio vaso foron optimizados de xeito integral. Ademais, melloráronse as condicións para as persoas con mobilidade reducida, tanto na accesibilidade ao recinto coma á zona de baño. As instalacións deportivas anexas tamén foron remodeladas, coa instalación de novas porterías, canastras, etc.
Tecnópole faise cargo da xestión da instalación, que volveu entrar en servizo con dúas novidades tecnolóxicas: acceso gratuíto a conexión wifi para todos os bañistas e unha aplicación móbil, tamén de descarga gratuíta, que permite aboar a entrada á piscina e tamén os servizos asociados a ela, como o aluguer de hamacas e parasoles. Tanto esta aplicación como a automatización do control de accesos e do sistema de rego foron desenvolvidas pola empresa de Tecnópole Conexiona Telecom. Ademais, a piscina conta con servizo de bar a través dunha gastroneta con terraza.
Todos estes servizos están a disposición de calquera persoa, familia ou grupo. O custo da entrada é de dous euros, coa aplicación de bonificacións en caso de comprar un bono. O aforo máximo é de 500 persoas, das que ata 150 poderán estar no vaso ao mesmo tempo.
Links de descarga da app:
iOS: https://itunes.apple.com/es/app/tecnopole/id1459531866?mt=8
(Fonte: Tecnópole)