Un nutrido grupo de empresas, que despois tiveron ocasión de formular as súas experiencias e inquietudes durante un animado coloquio, asistiron á charla de Mazaira, socio fundador de Bridge Mediatech e profesor de mercadotecnia e organización de empresas da Universidade de Vigo.
Durante a súa charla inicial, o experto relator fixo fincapé no moito que cambiaron o ámbito comercial e os hábitos dos consumidores nos últimos anos, o que provocou a transformación dos modelos de negocio para adaptarse ás novas dinámicas do mercado.
Tal e como expuxo Mazaira, antes vendiamos e logo capturabamos o dato, agora podemos abrir liñas de comunicación directas de forma moi sinxela que nos permiten ter datos antes, algo imprescindible porque a partir de agora, para poder vender, hai que manexar previamente a información sobre os nosos consumidores.
Segundo explicou, as tecnoloxías abren novas oportunidades de negocio, pero ademais esixen cambios nos negocios máis tradicionais. Antes de internet, o manexo dos datos era humano e o intercambio era persoal. Internet supuxo a introdución de ferramentas que marcaron unha evolución, empezando polo email e continuando polo comercio electrónico ata chegar ás aplicacións móbiles e as redes sociais. Aínda que xa se superou a idea de que o negocio está nas redes sociais, estas son moi interesantes para coñecer hábitos de comportamento e, polo tanto, de consumo, afirmou.
O internet das cousas, cos obxectos conectados, é o que está a marcar a verdadeira revolución, en opinión de Mazaira. Calcúlase que para 2020 cada persoa terá entre sete e oito obxectos conectados á rede (electrodomésticos, gadgets de ehealth, etc.). O universo das cousas conectadas implica un volume de datos que hai que aprender a xestionar para obter valor comercial deles e o bussines intelligence é o que o experto situou como a clave para converter os datos en coñecemento útil aplicable á táctica comercial, aplicando a combinación das chamadas cinco v: volume, variedade, veracidade, velocidade e valor.
Almorzos tecnolóxicos
O programa de almorzos tecnolóxicos, que terá continuidade cunha nova sesión en xuño, enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a facer promoción activamente da competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. A través deles, ofréceselles un formato de participación reducida como ventá de difusión das súas tecnoloxías e apertura de oportunidades de colaboración mediante o intercambio de coñecemento ou ben de contactos comerciais para o inicio de proxectos conxuntos ou para a compravenda de tecnoloxía e dos servizos que se prestan mediante esa tecnoloxía.
O encontro en imaxes aquí.
(Fonte: Tecnópole)