O almorzo organizado por Tecnópole, que terá lugar entre as 9.30 e as 10.30 horas na terceira planta do Edificio CEI de Tecnópole, está aberto á inscrición.
Baixo o título “Os retos do novo Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea”, Álvaro Gómez Vieites, consultor asociado de Inprosec e profesor de IESIDE, presentará os aspectos máis relevantes e as principais repercusións que ten para o contorno empresarial a nova normativa europea.
O regulamento foi aprobado a mediados do ano pasado para actualizar a normativa vixente desde 1995 e adecuala así aos retos que implican as novas tecnoloxías. As empresas teñen de prazo ata maio de 2018 para adaptar os seus procedementos á nova norma, que incrementa o control sobre a seguridade dos datos.
Entre outras novidades, o regulamento introduce a figura do delegado de protección de datos, obrigatorio en entidades públicas e empresas de máis de 250 empregados, pero tamén nas pemes cuxa actividade implique o tratamento de datos sensibles. Ademais, endurécense as sancións en caso de incumprimento, que poden alcanzar o 4% da facturación ou os 20 millóns de euros.
(Fonte: Tecnópole)