Os emprendedores interesados, que han de contar cun nivel de formación de Bacharelato ou equivalente, deberán presentarse a unha sinxela proba de selección en Tecnópole. Se a superan, poderán beneficiarse do curso, que terá lugar entre o 9 de xuño e o 30 de outubro polas mañás, con máis de 500 horas de formación enfocada baixo unha metodoloxía moi innovadora e cun elevado compoñente práctico.
A raíz da primeira edición do curso, dous dos participantes crearon xa os seus negocios, unha tenda de produtos relacionados coa madeira que ten a súa sede en Ourense e unha empresa de servizos de fotografía para mercados dixitais que se instalou nun niño da Tecnópole ao ser seleccionada como mellor proxecto.
Enfoque práctico
A formación capacitará os participantes para dirixir pequenos negocios ou microempresas. Entre as habilidades que adquirirán figuran a planificación e implementación de estratexias de áreas de negocio, aprendendo a programar as actividades, xestionar persoas, organizar e controlar recursos materiais e realizar operacións económico-financeiras. Ademais, os alumnos serán adestrados no desenvolvemento da comercialización e venda dos produtos e servizos e na xestión baixo criterios de calidade e protección ambiental, todo iso asegurando a prevención de riscos laborais e utilizando servizos de xestión ou asesoría cando a complexidade da actividade o requira, co fin de garantir o logro dos seus obxectivos empresariais e o cumprimento da normativa vixente.
Os alumnos recibirán unha tablet con toda a documentación necesaria ao inicio do programa e a formación completarase con visitas a empresas para que poidan visualizar de xeito práctico os coñecementos adquiridos.
O curso enmárcase no programa de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar e a Unión Europea.
Máis información e inscrición.
(Fonte: Tecnópole)