A NASA agrupa nunha web todas as súas investigacións máis recentes

A NASA segue co seu proxecto de abrir o seu contido a todos os interesados. A axencia espacial dos Estados Unidos xa sorprendeu algunha que outra vez coa publicación, totalmente gratuíta e libre, de contido relacionado con algunhas das súas misións, tanto en curso, como aquelas finalizadas. Agora, a NASA quere agrupar todo ese contido nunha sorte de arquivo público e gratuíto para todo o que queira acceder ás últimas investigacións da axencia.

O interesante do asunto non está só en que a NASA poña a disposición do público o contido das súas investigacións, o bo deste portal aberto ao público é que a axencia cribou, organizou e curou o contido coa intención de facer moito máis sinxelo o seu acceso e o seu descubrimento. Basicamente, a NASA quere que tanto científicos de todo o mundo como estudantes ou curiosos o teñan moi sinxelo para acceder aos documentos da axencia espacial.

O sitio que a NASA habilitou para acceder ao seu contido e documentos chámase PubSpace, e xunto ao contido especial da axencia, tamén hai dispoñibles revistas especializadas de ciencia, que están dispoñibles durante un ano dende a súa data de publicación en liña. Actualmente hai preto de 900 documentos e artigos relacionados coas últimas investigacións da NASA.

Espérase que se vaian engadindo máis documentos segundo estean dispoñibles e sempre e cando proveñan de investigacións financiadas con diñeiro público do Goberno dos Estados Unidos, que son as que están autorizadas a publicar, obviando documentación de investigacións con entidades privadas como SpaceX.

(Fonte: Hipertextual)