Tan só dous anos despois de que se comprobara que as máquinas moleculares poden abrir membranas celulares, un grupo de científicos conseguiu coa axuda destes enxeños atacar e destruír bacterias resistentes aos antibióticos, así como células canceríxenas.
As células resistentes aos antibióticos, tamén coñecidas como superbacterias, son cepas que mutaron o seu ADN para sobrevivir. A OMS considera que en 2050 haberá máis mortes causadas por superbacterias que por cáncer e que a resistencia aos antibióticos será a principal causa de morte no planeta.
A máquina molecular que conseguiu esta proeza foi desenvolvida na Universidade de Rice en Houston (Texas) e consiste nunha paleta que xira a tres millóns de rotacións por segundo cando se activa mediante a luz.
Estas máquinas conseguiron perforar as paredes celulares da bacteria Klebsiella pneumoniae e destruíla en cuestión de minutos. Esta cepa mutante demostrou unha resistencia contra todos os antibióticos coñecidos.
Indefensas ante a máquina
As bacterias están protexidas por unha serie de capas e proteínas que moitas veces as fan inmunes aos antibióticos porque non poden superar estas barreiras.
Non obstante, non poden defenderse dunha máquina que se lle acerca e que coa súa paleta xiratoria destrúe a súa protección natural mediante unha acción mecánica, e non por un efecto químico, como sería o caso dun antibiótico.
A máquina molecular conseguiu que un fármaco antibacteriano ao que desenvolvera resistencia penetrara en Klebsiella pneumoniae e acabara co seu labor infeccioso.
Hai que ter en conta que a veces, cando a bacteria descobre un medicamento non o deixa entrar ou incluso permite a súa entrada para desactivalo.
Nesta investigación, a máquina molecular conseguiu que un antibiótico de amplo espectro, chamado Meropenem, atravesara a parede celular e destruíra a bacteria resistente.
James Tour, un dos investigadores, explica ao respecto nun comunicado que este resultado “pode dar nova vida aos antibióticos ineficaces ao usalos en combinación cos exercicios moleculares”.
Combinadas con antibióticos
Richard Gunasekera, outro dos investigadores, engade que o importante para a eficacia das máquinas moleculares é combinala con antibióticos.
Descubrírono ao longo da investigación. O primeiro que observaron é que as colonias bacterianas atacadas cunha pequena concentración de máquinas moleculares só mataron o 17% das células nocivas.
Esta porcentaxe subiu ao 65% cando engadiron ás máquinas moleculares o Meropenem e chegou ao 94% de eficacia sobre o patóxeno causante da pneumonía, cando equilibraron os motores e o antibiótico.
Os investigadores consideran que o procedemento se pode aplicar tamén a outro tipo de infeccións, como as da pel, feridas, catéteres ou implantes, que foron causadas por bacterias como a Staphylococcus aureus (resistente á penicilina e á meticilina), a Klebsiella (unha bacteria altamente transmisible) ou por pseudomonas (asociadas a infeccións oculares e respiratorias). Tamén sería útil para infeccións intestinais e para tratar células canceríxenas, segundo os resultados doutra investigación, desenvolvida tamén na Universidade Rice.
Nesta investigación, as máquinas moleculares atacaron con éxito células de cáncer de páncreas en resposta á activación da luz ultravioleta visible, que non causa tanto dano ás células circundantes.
(Fonte: Tendencias 21)