A mostra itinerante As mulleres que nos levaron á Lúa, impulsada o pasado curso académico (e aínda en activo) pola UVigo e a Deputación de Ourense co obxectivo de promover as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado feminino, tivo continuidade e prolongación no libro Elas leváronnos ao espazo.
As promotoras desta iniciativa son Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras do Campus de Ourense; Encina Calvo, da Universidade de Santiago de Compostela; e a ilustradora do libro e da mostra, Manuela Elizabeth Rodríguez MeliMolita. Este proxecto xorde no marco da aposta por “impulsar a presenza da muller no eido científico-tecnolóxico e coa confianza de que contribúa a espertar vocacións nestes ámbitos, ofrecendo referentes de ciencia femininos e incrementando a bibliografía en galego sobre mulleres relacionadas coa ciencia”.
A publicación complementa á exposición, que está a percorrer toda Galicia. A mostra leva percorridos 41 centros educativos galegos, chegando a arredor de 12.000 rapazas e rapaces. Pola súa parte, o libro “amosa as biografías de 12 mulleres, nas que se recollen os principais logros daquelas que co seu coñecemento e traballo axudaron na exploración do espazo”. Así, están presentes matemáticas, químicas, enxeñeiras e informáticas que posibilitaron as viaxes espaciais, ademais das astronautas que conseguiron navegar polo cosmos. Entre elas, e ampliando as mulleres recollidas na mostra, no libro inclúese á astrofísica galega Begoña Vila e cítanse dúas egresadas do Grao en Aeroespacial da UVigo, Sara Rodríguez e Ana Cambón, que traballan na Axencia Espacial Europea.
A edición deste libro foi posible grazas á axuda da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, da Deputación de Ourense, do Parque Tecnolóxico de Galicia e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e Espazo do Campus de Ourense, ademais de contar coa colaboración da Área de Normalización Lingüística e do proxecto eXXperimenta en Feminino. Coa idea de acadar un maior impacto, o libro editouse en formato electrónico e unha remesa en formato papel para enviar aos colexios da provincia de Ourense. Estará dispoñible para a súa descarga de balde na páxina web de eXXperimenta en Feminino.
Fonte: Código Cero