A madeira xa se poxa en Internet

As poxas de madeira pública en Galicia xa poden realizarse exclusivamente por métodos electrónicos. E é que a primeira poxa a través de Internet, organizada pola Consellería do Medio Rural, foi todo un éxito. 44 lotes de madeira procedentes de montes públicos situados na provincia de Ourense foron licitados e alcanzaron un valor superior aos dous millóns de euros, coa peculiar característica de que era a primeira vez que todos os participantes nesta transacción tiñan que realizar os trámites a través da web. Para iso, púxose en marcha unha nova plataforma telemática que permitía, entre outras cousas, consultar a través da web toda a información relativa aos montes dos que ía saír a madeira e até visionar o acto da poxa.

A nova ferramenta telemática enmárcase dentro da estratexia Dixitalización e Descarbonización, que desenvolven conxuntamente a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Tramitar o proceso desta primeira poxa non foi tarefa sinxela, pois a concurso saían máis de 80.000 metros cúbicos de madeira, repartidos en 44 lotes, que estaban valorados en preto de dous millóns de euros. Pero, a pesar de que era a primeira vez que se poñía en marcha o sistema telemático, o proceso foi todo un éxito. Adxudicáronse os 44 lotes por un valor de 2.116.146, 61 euros, preto de 300.000 euros máis que o prezo de saída.

Os participantes neste proceso puideron probar a nova plataforma telemática deseñada por Medio Rural. Esta permite consultar, a través dun visor web cartográfico, os lotes e obter información das súas características. Ten outras prestacións, como que permite facer procuras por campos, zooms, consultas, exportar en formato pdf os planos ou mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para, desde eles, ser conducidos fisicamente até as superficies de árboles de onde sairá a madeira a poxa.

Guía sobre madeira estrutural

A Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra de Lugo acaba de facer pública unha guía de subministración e caracterización da madeira estrutural. A iniciativa levouse a cabo no marco do programa europeo LIFE ECoTimberCell.

O documento describe en detalle o proceso de caracterización da madeira estrutural que se leva a cabo mediante unha secuencia que comeza por unha clasificación visual, á que lle segue a realización de ensaios mecánicos destrutivos e remata coa aplicación de métodos non destrutivos.

Fonte: La Voz de Galicia