A madeira podería converterse no novo petróleo. No camiño cara a unha economía sustentable algúns expertos consideran que é “a materia prima do futuro”. A madeira non só serve para facer mobles ou producir pasta de papel. As súas utilidades son enormes e poden aplicarse a sectores como a construción, o naval, a automoción ou a industria farmacéutica.
Entre os usos máis innovadores está a fabricación de bioplásticos. Agora que se tenta rebaixar o volume de produción de plásticos a nivel mundial, descubriuse que se pode fabricar un material parecido, pero sustentable, a partir da fibra da madeira e que podería usarse, por exemplo, na automoción.
Pero o sector forestal podería producir tamén grafeno. Trátase dunha substancia formada por carbono puro que se utiliza na fabricación de dispositivos electrónicos. Pois ben, este carbono que até agora se extraía do petróleo, tamén se atopa na madeira.
Outra posible aplicación sería a fabricación de biodisolventes, pinturas feitas a base de resina, así como o aproveitamento de produtos forestais para a industria cosmética e a farmacéutica. “A aspirina, por exemplo, extráese da cortiza das árbores”, explica o enxeñeiro forestal Juan Picos.
A Xunta planea impulsar, coa axuda de fondos europeos, unha fábrica de viscosa na que se aproveitarían os recursos forestais para producir fibras téxtiles. A estes usos súmase a produción de biomasa, que está a ter un importante auxe na xeración de enerxía térmica.
“Hai que potenciar tamén o uso da madeira na construción, poderían facerse revestimentos de madeira para cruceiros ou en hoteis e mesmo usarse na automoción para descarbonizar o sector”, engade Picos.
Fonte: La Voz de Galicia