O sector da madeira é o auténtico ouro verde da comunidade. En primeiro lugar porque é o máis sustentable: a súa materia prima é natural, a súa transformación apenas consome enerxía e os seus residuos son reciclables. O tecido forestal galego ten ademais músculo económico: o 1,6% do PIB provén deste sector, que xera uns 25.000 empregos. É así mesmo punta de lanza en canto a exportación, levando lonxe das nosas fronteiras máis da metade da madeira cortada de todo o país.
A relación natural entre sector forestal e sustentabilidade nótase ademais en toda a cadea de valor. «É sector á alza; as tendencias de consumo mundiais apuntan a un consumidor responsable, cada vez máis informado e concienciado coa sustentabilidade, o impacto ambiental, o respecto pola natureza e o cambio climático». Así o resume José Manuel Iglesias. O presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia explica que a madeira é a paradigma da nova economía, a bioeconomía circular. A madeira non só captura dióxido de carbono. É ademais sustentable e renovable. «É un material premium», comenta Iglesias.
Desde o sector sosteñen que as novas oportunidades de negocio que se abren para as empresas son constantes, pero que tamén terán que lidar con desafíos como os relacionados co esforzo innovador. «Ao aumento da demanda de produtos temos que engadir o desenvolvemento de novos derivados que xa se están a desenvolver para dar resposta a este clamor global que nos demanda a sociedade. O sector está a dar resposta á transformación dunha economía baseada en produtos derivados do petróleo, como os plásticos, poliuretanos ou poliésteres, por produtos de base biolóxica, renovables e reutilizables e facilmente reciclables que non supoñan un residuo futuro. Isto é a bioeconomía».
Potencia
Galicia ten máis de 710.000 hectáreas de masa forestal e non todas elas baixo explotación. Segundo datos de 2019, máis de 260.000 hectáreas están baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Unha riqueza natural que se transforma xa en produtos inimaxinables hai pouco tempo, como as fibras téxtiles derivadas da celulosa. «Substituirán ao poliéster ou ao algodón», apuntan desde o clúster. Por outro lado, a substitución de produtos derivados do plástico por produtos de madeira xa é unha realidade. Mesmo o emprego da madeira na construción en altura, como substitutivo do formigón e o aceiro.
Fonte: La Voz de Galicia