O tesouro que encerran os montes galegos chamou xa hai uns anos a atención dun empresario francés. Yvon Remy (1947), veterano experto na industria madeireira -con experiencia na de lugares como África ou Francia-, puxo os seus ollos sobre a galega Betanzos HB a principios de 2000. «Ese ano veu até aquí para facer unha simple visita. Por aquel entón, Betanzos HB pertencía ao grupo Sonae e xa naquel intre a Remy chamoulle a atención a eficiencia da fábrica», resume José Manuel Vilasuso, director da planta coruñesa.
Convencido de que o que se facía en territorio galego tiña un gran valor, Yvon Remy só tivo que esperar a que xurdise a oportunidade. Iso si, tivo que agardar tres lustros. En maio de 2015 fíxose coa factoría. «O grupo Sonae quería desfacerse deste activo industrial e a empresa de Remy necesitaba máis unidades de fabricación porque tiña máis mercado do que era capaz de asumir nas súas fábricas», explica Vilasuso. O propio Yvon Remy resúmeo nunha simple frase: «É importante estar no momento preciso e no lugar axeitado. Betanzos HB foi unha oportunidade que xurdiu nun momento no que nos viña moi ben facernos cunha empresa como esta».
A fábrica galega convertíase así nun activo de grande importancia para a compañía do francés. Tal e como explica Vilasuso, nas instalacións betanceiras prodúcese un taboleiro de eucalipto de gran valor engadido: «É libre de colas e é un taboleiro cento por cento ecolóxico», resume. E é que, a diferenza doutros produtos que se atopan no mercado, o taboleiro de Betanzos HB non contén adhesivos artificiais: «Utilizamos a ligninia, un material orgánico presente na madeira con propiedades termoplásticas, como adhesivo natural do produto».
Ese taboleiro enriqueceu de maneira importante o catálogo que xa tiñan nas súas fábricas galas: «Nós buscabamos unha empresa que traballase con taboleiros de eucalipto, un produto diferente ao que tiñamos en Francia, onde manipulamos sobre todo castiñeiros e piñeiros. O eucalipto ten un rendemento máis alto, mentres que as especies que traballamos en Francia teñen un crecemento e explotación moito máis lentos», resume o empresario.
Fonte: La Voz de Galicia