Ourense leva máis de vinte anos no mapa do sector aeronáutico. Faino da man de Coasa, que abriu as súas instalacións no Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas) no ano 2001 e que pertence á multinacional Aernnova. A firma asentada en Ourense conta cunhas instalacións de máis de 13.000 metros cadrados, que dan emprego a unhas 300 persoas e que facturan uns vinte millóns de euros grazas á elaboración de pezas para avións. O seu cliente principal é o xigante da aeronáutica mundial Airbus, pero non é o único para o que traballa xa que Boeing ou Embraer tamén están na súa carteira de clientes.
Que pezas se fabrican en Ourense? «Elaboramos pezas elementais e submontaxes, que van desde un tamaño moi pequeno até os catro metros», explica Ricardo Escolano, director-xerente de Coasa. Entre os avións que levan pezas con selo ourensán atópanse, principalmente, aeronaves de longo percorrido. Na actualidade elaboran compoñentes para a gama de Airbus, que vai desde o A320 até o A350. É, precisamente, este modelo o que ten máis número de elementos que se fabrican en Ourense. Elaboran pezas pequenas e de maior tamaño para o estabilizador, así como para os elevadores. A súa fabricación é un proceso complexo e que inclúe un longo percorrido.
No caso destas que se constrúen para o A350, a fabricación iníciase en Ourense pero aínda ten que pasar por diferentes fábricas repartidas polo mundo até chegar á planta de Toulouse (Francia), onde se montan definitivamente as pezas no avión. «Desde Ourense enviámolas a China e logo volven a España para continuar coa súa fabricación en Vitoria, logo vaise a Airbus Xetafe e finalmente a Toulouse», sinala Escolano.
Con este percorrido loxístico non é difícil imaxinar que o escenario mundial de conflitividade no transporte marítimo supón unha traba para o grupo Aernnova, ao que pertence Coasa. As pezas que saen da planta ourensá cara a China fano a través dun barco. O tempo estimado de viaxe pasou de mes e medio a tres meses neste novo escenario.
Distribución da planta
A fábrica ourensá de Coasa no Parque Tecnolóxico de Galicia aséntase sobre unha parcela de 27.000 metros cadrados e conta cunha planta de case 13.000. O seu traballo na cadea da aeronáutica dentro do grupo Aernnova limítase á fabricación, enxeñaría de fabricación e utillaxes das denominadas no sector como composites, é dicir pezas elementais. Para poder levalas a cabo, na planta de Coasa contan con diferentes zonas de produción entre as que destacan a zona de neveira, tendo en conta que os materiais teñen que estar a 20 graos baixo cero, ou a denominada como a sala limpa, que conta con proxectores láser.
Tamén contan con máquinas de corte idénticas ás que se utilizan no sector téxtil e fornos de ciclos de temperatura de até 180 graos para a elaboración das pezas. Por último, teñen un apartado de inspección e calidade con raios X e ultrasons para comprobar a peza por dentro sen rompela antes de enviala ao seguinte elo da cadea.
Tras a pandemia, en Coasa confían en recuperar a velocidade de cruceiro que tiñan antes da cancelación masiva de voos polas restricións da Covid nun prazo máximo de tres anos. E nese horizonte consideran fundamental a man de obra cualificada. «Necesitamos bos técnicos. Temos dificultades para traer xente de fóra porque Ourense é unha cidade pequena e por iso impulsamos o talento local», sinala o director-xerente de Coasa.
O outro perfil de empregado que precisa a filial de Aernnova en Ourense é o de operarios con formación profesional. É unha demanda que cobre, en boa parte, grazas a unha escola situada no propio Parque Tecnolóxico de Galicia e que conta co apoio da Xunta. A multinacional á que pertence Coasa ten máis de 5.500 empregados repartidos polas súas sedes en seis países.
Fonte: La Voz de Galicia