O obxectivo destes premios é recoñecer as mulleres innovadoras con éxito, así como concienciar a sociedade europea da necesidade dunha maior aposta pola innovación e dun maior número de emprendedoras. Carlos Moedas, comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación afirmou que se trata de mulleres “talentosas e innovadoras con interesantes historias interesantes que contar sobre como romper barreiras, correr riscos e triunfar”. En definitiva, unhas traxectorias innovadoras que, na súa opinión, “poden inspirar a outras mulleres e homes a converterse en innovadores”.
Nesta edición, os galardóns tamén introducen unha nova categoría con tres finalistas, a de Novas Innovadoras, para recoñecer o traballo de emprendedoras de menos de 30 anos. Neste sentido, o comisario Moedas asegurou que “nesta edición queremos tamén alentar a próxima xeración e dar un recoñecemento especial aos logros das novas emprendedoras innovadoras”.
Todas as finalistas, en ambas categorías, son fundadoras ou cofundadoras dunha compañía de éxito, con máis de 100.000 euros en vendas entre 2014 e 2015, e que estea baseada nas súas ideas innovadoras. Na categoría principal outorgaranse tres premios de 100.000, 50.000 e 30.000 euros, mentres que a premiada como nova innovadora recibirá 20.000. En total recibíronse medio centenar de propostas e os nomes das ganadoras daranse a coñecer o próximo 8 de marzo no Parlamento Europeo con motivo do Día Internacional da Muller.
África González, directora do Centro de Investigación en Biomedicina da Universidade de Vigo, é cofundadora de NanoImmunoTech, compañía pioneira en ofrecer produtos innovadores que combinan os biosensores coa nanotoxicoloxía.
(Fonte: Innovamás)