A intelixencia dun robot xa chega ao nivel dun neno de catro anos

A intelixencia dun robot xa chega ao nivel dun neno de catro anos de idade, segundo se desprende dun estudo publicado polo MIT Technology Review.

Hoxe en día, un dos puntos clave que destacan dentro dos ámbitos tecnolóxicos é o da creación de robots capaces de realizar actividades físicas e intelectuais como as que realizan os humanos, polo que non é raro que, para continuar con este tipo de desenvolvementos, se tivera que someter ás creacións a tests que proben as súas capacidades.

O estudo, que se propuxo coñecer cuán intelixente é unha máquina creada polo home en comparación co coeficiente intelectual humano, foi realizado na Universidade de Illinois, en Estados Unidos, xunto coa colaboración dun grupo de científicos e investigadores especializados en Intelixencia Artificial (IA) de Hungría.

Para levalo a cabo, utilizaron un proxecto de código aberto do propio MIT, coñecido como ConcepNet, que serve para medir a intelixencia artificial.

Os resultados do test foron bastante sorprendentes, xa que este revelou que a máquina obtivera unha puntuación equiparable á dun neno de catro anos baixo condicións normais, pero baixa se a equiparación se realiza con outros nenos de 5 ou 7 anos.

Nas conclusións recollidas explícase que o principal problema é que a máquina non tiña a suficiente capacidade para procesar de forma natural as diferentes ferramentas da linguaxe, é dicir, que en momentos onde o como se di unha determinada cousa fora fundamental -usar ironías, facer referencia a cousas pasadas ou interpretar significados por contextos-, a máquina non funcionaba correctamente.

(Fonte: Europa Press)