A iniciativa Bussines Factory Auto (BFAuto) acaba de recibir o Premio Nacional de Mobilidade Sustentable na categoría de ONG, Fundación ou Asociación. Creada en 2016 e promovida pola Xunta de Galicia, CZFV, o Grupo PSA e Ceaga; BFAuto xa foi recompensada en anteriores ocasións con importantes recoñecementos.
O obxectivo deste proxecto é basicamente impulsar a aceleración e a consolidación de proxectos especializados en automoción para transformalos en empresas innovadoras, viables e escalables que atraian e reteñan talento e que completen a cadea de valor fortalecendo así o sector da automoción en Galicia. «A Business Factory Auto é un grande exemplo de colaboración entre pequenas empresas e grandes compañías. As grandes empresas do sector están apoiando o lanzamento das pequenas e novas que nacen desta aceleradora, titorizándoas e permitindo desenvolver pilotos para probar as novas tecnoloxías nas súas propias fábricas», explican desde a Administración galega.
Os números avalan esta iniciativa. Con máis de catro anos de experiencia, a Business Factory Auto ten xa en marcha a súa quinta edición. Está formada por unha vintena de proxectos titorizados por profesionais dalgunhas empresas como Akwel Vigo Spain, Benteler Automotive Vigo ou o Centro de Vigo Stellantis.
Apostar pola innovación é facelo polo futuro. Máxime nun sector como o da automoción, no que Galicia aínda ten moito que dicir.
Fonte: La Voz de Galicia