Segundo os datos da CE, España é o terceiro país, xunto a Lituania, que máis retrocedeu en innovación dende o inicio da crise en 2008 -por detrás de Romanía e Hungría-. Dende ese ano, perdemos anualmente unha media do 0,8% de rendemento en I+D. Con estes resultados, o noso país vaise ao posto 21 na táboa, empatando con Grecia e Hungría.
Durante este período, no conxunto da UE o rendemento da innovación mellorou anualmente unha media do 0,7%. Case todos os países rexistraron variacións positivas, destacando Letonia, que avanzou un 4%.
O informe sinala que España mellorou os resultados de innovación ata 2013, pero dende ese ano o índice de innovación diminuíu de xeito considerable, polo que a media de variación anual destes oito dá negativo. O noso país sitúase por debaixo da media da UE28, na maioría dos indicadores que analiza a institución para elaborar o índice.
Investimento e financiamento da I+D
A comisión tamén pon de relevo que o investimento e o financiamento da I+D no noso país caeu unha media anual do 5,7% dende 2008. Segundo o documento, o investimento do sector público experimentou un crecemento do 0,8% cada ano, pero o procedente de capital de risco caeu unha media anual do 11% dende 2008.
Captura
Non obstante, a CE valora positivamente a mellora de España en recursos humanos e destaca o incremento do número de graduados e doutores no ámbito da innovación, cun crecemento anual do 10% dende 2008. Outro bo dato son as publicacións científicas internacionais que subiron un 8,7%.
A Comisión destaca que nos países de moderada innovación -entre os que se atopa o noso país- existen núcleos rexionais de innovación: o País Vasco en España, Piamonte e Friul-Venecia Julia en Italia, e Bratislava en Eslovaquia.
Como converterse en líder en innovación
En áreas de innovación determinadas, os líderes da UE son: Suecia: recursos humanos e calidade da investigación académica; Finlandia: condicións marco financeiras; Alemaña: investimento privado en innovación; Bélxica: redes de innovación e colaboración; Irlanda: innovación nas pequenas e medianas empresas.
O organismo subliña que o principal factor para converterse nun líder de innovación é a implantación dun sistema de innovación equilibrado que combine un nivel adecuado de investimentos públicos e privados, asociacións de innovación eficaces entre empresas e entidades docentes, así como unha sólida base educativa e investigación de excelente calidade. O impacto económico da innovación debe manifestarse en termos de vendas e exportacións de produtos innovadores e tamén de emprego.
(Fonte: SINC)