Dous novos hubs de innovación dixital ofrecerán ao tecido empresarial de Galicia un catálogo de servizos e recursos co que impulsar a súa transformación tecnolóxica.
Con esta iniciativa, que se porá en funcionamento o ano que vén, a Xunta favorece o desenvolvemento dixital das pequenas e medianas empresas. Unha nova medida coa que conseguir que as pemes ganen en competitividade e poidan atraer talento á comunidade.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, firmou hai uns días dous convenios de colaboración para poñer en marcha os dous hubs de innovación dixital, dotados cada un deles con 200.000 euros. Trátase de Factories of the future (Fábricas do futuro), impulsado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), centrado no Internet das cousas e a intelixencia artificial; e Datalife, liderado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que pon o foco no manexo de grandes cantidades de información (big data).
Os Hubs de Innovación Dixital funcionan acercando ás pemes unha carteira de servizos tecnolóxicos na que conflúen todos os recursos que ofertan os centros de coñecemento galegos. Tamén achegan apoio integral para que os produtos e servizos innovadores cheguen ao mercado. Ao mesmo tempo, agárdase que contribúan a incrementar o peso da actividade industrial sobre o PIB galego e a presenza de traballadores máis cualificados.
Coa constitución de hubs, Galicia poderá ter acceso tamén aos máis de 9200 millóns de euros que a Unión Europea ten previstos para o programa Europa Dixital para o período 2021-2027.
Ademais do asesoramento, prevese destinar aos hubs e aos seus usuarios 30 millóns de euros de apoios públicos. Así, xunto aos dous convenios firmados este mes, no próximo ano activaranse axudas para subvencionar o acceso das pemes aos servizos destes dous hubs seleccionados por concorrencia competitiva. Tamén contarán con infraestruturas tecnolóxicas grazas á primeira convocatoria dos centros de fabricación avanzada, nos que a nivel local se compartirán espazos industriais.
Sectores beneficiados
O proxecto das Fábricas do Futuro beneficiará a sectores como a automoción, o agroalimentario, o naval, o forestal e o téxtil, mentres que Datalife prevé ofrecer servizos ás cadeas de valor da biotecnoloxía, a saúde, o forestal, o agroalimentario e o ámbito mar-industria.
Estas iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. No caso do hub liderado por Ceaga, participan clústeres como Aclunaga, Clusaga e o Clúster TIC; empresas tractoras como Nueva Pescanova, Clun, Textil Lonia, Freire, PSA, GKN, Ence, Cupa ou Navantia; firmas tecnolóxicas como Televés e R; así como os centros Aimen, Anfaco-Cecopesca, Cesga, CTAG, Cetim, Gradiant e ITG; ademais das tres universidades galegas e Feuga.
No hub liderado por Bioga, repiten Clun, Nueva Pescanova, Televés, Clusaga, o Clúster TIC, Cesga, Gradiant, Anfaco-Cecopesca e a USC. A maiores, colaboran outras empresas (como Mestrelab, CZ Veterinaria, Finsa e Vodafone España) e clústeres (como o da Saúde e o da Madeira), así como a Fundación Kaertor.
O conselleiro sinalou que a firma destes dous convenios permite construír o futuro industrial de Galicia, ofrecendo ferramentas e formación para entender o novo contexto de transformación dixital: “Os hubs deben servir para espallar a cultura da I+D+i nas nosas empresas, particularmente nas pemes”.
Desde a Xunta destacan que coa creación destes dous polos de innovación, tras un proceso no que participaron máis de 240 axentes, Galicia avanzará en novas tecnoloxías. O funcionamento dos hubs virá determinado pola demanda das empresas, e deberán autoxestionarse de forma independente e tender cara a sostibilidade económica.
(Fonte: La Voz de Galicia)