«Pénsoo nas mamografías. Se un home tivese que pasar por isto, teríase deseñado outro sistema», di unha das profesoras. A situación na facultade na que estudaron e agora ensinan non pode estar máis descompensada. Neste curso, só o 13% das matriculadas en primeiro de Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña, a carreira da que saen as mentes que pensarán programas como o das mamografías, son mulleres. É así desde 2010, con cursos por baixo do 10%.
Unha realidade similar vívese nos campus de Santiago, cun 16%, e Ourense, da Universidade de Vigo, cun 12% de novas alumnas. O fenómeno é global. As mulleres non queren ser enxeñeiras informáticas. Nin o paro cero nin as boas condicións laborais son motivos suficientes.
«Que un 50% da poboación non está representada cando deseñamos sistemas informáticos? Si o creo», afirma Berta Guijarro, profesora na facultade máis veterana de Informática en Galicia e excoordinadora do seu centro de investigación asociado, o Citic.
A falta de informáticas nótana as empresas tecnolóxicas: os perfís das enxeñeiras son os máis buscados. «Cando se deseñan sistemas de información, as mulleres proporcionan outra forma de afrontar e facer as interfaces de usuario. Non por nada, se tes pluralidade no equipo, os puntos de vista son máis diversos e ricos», defende Nieves Rodríguez Brisaboa, premio nacional de informática en 2019.
Fonte: La Voz de Galicia