A industria galega pagou este ano máis do dobre pola luz que a alemá e a francesa

As grandes industrias galegas acabaron o ano pagando máis do dobre pola súa factura da luz que os seus competidores alemáns e franceses. Isto fai que a Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE), á que pertencen Alcoa ou Ferroatlántica, se amosase moi crítica co novo estatuto para a industria electrointensiva, que xulgan “insuficiente” para alcanzar a converxencia de prezos con Europa. Todo o contrario do que di o Ministerio de Industria, que está convencido de que a partir de agora o custo da luz para estas grandes empresas deixará de ser tan elevado.

Segundo as contas de AEGE aínda queda un longo treito para conseguilo. Tanto que as industrias españolas están agora mesmo pagando 45 euros por megawatt-hora, mentres que as francesas abonan 21 e as alemás aínda menos: 20. Todo isto, recoñece Fernando Soto, director xeral de AEGE, está a lastrar a competitividade das industrias que máis electricidade consomen: as hiperelectrointensivas, que en países como en Francia ou Alemaña teñen un recoñecemento especial, un status diferente que se traduce en máis axudas para alivialas mes a mes do mal grolo que lles supón a factura eléctrica.

A Xunta pretendía, nas súas alegacións, que o estatuto electrointensivo primase a estas fábricas, tradicionalmente asentadas en territorios como Galicia e Asturias polos seus recursos enerxéticos (centrais térmicas, hidroeléctricas…). Con todo, o Goberno refugou ese enfoque e ampliou o abano de beneficiarios até as 600 empresas en todo o país, rebaixando o nivel de consumo requirido para acceder aos beneficios e inclinando así a balanza a favor -principalmente- de Cataluña, onde hai máis industrias pero menos intensivas en enerxía.

Fonte: La Opinión