Galicia apúntase a esta tecnoloxía, en expansión meteórica na última década, a través dunha decena de empresas que traballan para sectores determinantes da economía galega, como a industria naval, automoción, construción, mobiliario, a saúde ou a creación artística.
Explicada dunha forma moi simple, a tamén chamada fabricación aditiva é a produción de obxectos en tres dimensións con máquinas intelixentes conectadas a Internet. Ninguén cuestiona xa que este novo xeito de fabricar obxectos sacudirá os alicerces de sectores empresariais e industriais tradicionais, como as cadeas de montaxe.
Só un exemplo vinculado a Galicia: a multinacional do metal Alcoa, que ten unha planta na Coruña, anunciou un investimento de 60 millóns na expansión do seu centro de investigación en Pensilvania (EE.UU.) “para acelerar o desenvolvemento de materiais e procesos avanzados de impresión 3D en sectores como o aeroespacial, automoción, médico ou construción”, dixo o seu presidente, Klaus Kleinfield.
Galiprint3D e Lupeon 3D, da Coruña, son dúas das empresas pioneiras na aplicación desta tecnoloxía. Brinka3D e, I+3ddesigne (A Coruña), Nort3D (Pontevedra) ou Ialma3D (Compostela) son tamén bos expoñentes do que se está a fraguar.
“A impresión en 3D supón unha revolución no mundo do deseño, porque permite formas imposibles de fabricar doutro xeito”, aseguran Adrián Sánchez e Luis Mandayo, os socios creadores de Lupeon 3D, pioneiros en España por ofrecer esta tecnoloxía baixo demanda, e facela accesible a calquera, non só ás grandes empresas. Un dos seus traballos máis coñecidos é a maqueta da reforma do estadio vigués de Balaídos.
Un potencial sen límites
Detrás destas empresas galegas está xente moi nova. Arquitectos, enxeñeiros ou deseñadores industriais visionarios do potencial de negocio que está por vir. As cifras das consultoras especializadas marean. O ano pasado vendéronse preto de 133.000 impresoras 3D no mundo, un 68% máis que no 2013, segundo Canalys.
O OBS Business School da Universidade de Barcelona di que o valor xerado polas industrias xa inmersas na fabricación dixital con impresión 3D é de 188,15 millóns de euros, cunha taxa anual de crecemento do 26% para o 2016 e do 30% para o período 2016-2021.
“Calquera obxecto físico se pode construír xa en tres dimensións”
Enrique Otero Neira é un arquitecto da Coruña que descubriu a impresión 3D cando traballaba nun estudio en Holanda. Seguiu ampliando coñecementos en Barcelona e, «como a terra tira», hai un ano montou a súa empresa en Galicia, que presta servizo de impresión 3D, consultoría, formación e venda desta tecnoloxía. “De momento estou eu só, con colaboradores puntuais en función do tipo de traballo. Para a produción de moldes desprázome eu coa impresora ás empresas”, afirma.
O arquitecto destaca o gran potencial desta nova forma de xerar pezas en tres dimensións. “A tecnoloxía existe dende a década dos oitenta, pero nos últimos 10 anos xeneralizouse polo seu custo máis baixo”, afirma. “Calquera obxecto físico hoxe en día se pode construír cunha impresora 3D, asegura. ¿Chegarán estas máquinas a substituír as empresas e traballadores de moldes e matrices? “A xente segue sendo necesaria, o que si vai cambiar, sen dúbida, é o tip de preparación necesaria. Fará falta unha maior cualificación”, afirma o arquitecto coruñés.
“Fabricamos prototipos e pezas finais de todos os tamaños”
Nort3D é unha empresa montada por tres novos socios en Moaña (Pontevedra) con apenas un ano de vida e xa unha boa carteira de clientes. “Non facemos labor comercial, apostamos forte polo noso posicionamento web e son eles os que nos contactan”, afirma Jesús Baqueiro, enxeñeiro naval e socio de Nort3D.
Conta que a idea de enfocar o negocio á impresión 3D xurdiu do interese polo deseño industrial e as posibilidades que ofrece esta tecnoloxía. “O Noso obxectivo é facilitar a empresas e particulares o desenvolvemento das súas ideas e proxectos”, di o enxeñeiro. Relata tamén, a xeito de exemplo que, entre outras moitas cousas, están a traballar na creación dunha peza que xa non se fabrica para un modelo de moto BMW antigo.
“As posibilidades son moi grandes e o custo é competitivo, sempre que non esteamos a falar de produción en serie,” explica. “Modelamos os obxectos segundo as directrices marcadas polos nosos clientes. Podemos chegar a xerar modelos prototipo e pezas finais de todos os tamaños”, aclara o empresario.
Unha tecnoloxía que xa fan rendible grandes compañías
O xigante tecnolóxico Google acaba de confirmar un investimento de 100 millóns de dólares na empresa Carbon 3D, e fíxoo por considerar que é un dos sectores tecnolóxicos que mellor futuro vaticinan os analistas e cuxo uso pode revolucionar numerosos sectores.
Cada vez son máis as grandes corporacións que utilizan impresoras 3D para crear novos produtos, mellorar os antigos ou evolucionar nos seus procesos de negocio. A aeronáutica Boeing foi unha das pioneiras en adoptar a tecnoloxía da impresión 3D. Realizou ata o momento máis de 20.000 pezas para 10 avións diferentes, tanto militares como comerciais. Mesmo logrou imprimir unha cabina de avión completa.
O construtor de vehículos Ford é pioneiro na utilización desta tecnoloxía, dende 1980. Recentemente imprimiu un capó para o novo Ford Mustang, que fai a peza número 500.000. Segundo indica Ford na súa web corporativa, “a impresión 3D consegue simplificar procesos que de forma tradicional levarían consigo un custo de 500.000 dólares e unha duración de 4 meses, en 4 días e cun gasto de 3000 dólares”.
Na Super Bowl 2014
Non queda aí a cousa. Mark Parker, CEO (director executivo) de Nike, recoñece que a impresión tridimensional supuxo un grande impulso para a compañía que no que vai de ano experimentou un crecemento do 13%. A compañía fabricou con 3D os tacos das botas dos xogadores da Super Bowl 2014 e xa prepara a súa aplicación a novos produtos.
Non hai límites para esta tecnoloxía. A firma de xoias American Pearl xa ofrece aos seus clientes a posibilidade de crear unha peza única de xoiería escollendo de forma online o metal, pedras preciosas ou diamantes que despois se imprimirán en 3D.
Hasbro acaba de anunciar un acordo de colaboración con 3D Systems, para aplicar esta tecnoloxía de impresión á fabricación de xoguetes infantís. Hasbro conta cunha serie de franquías que se beneficiarán desta innovación como My Little Pony, Playskool ou Barrio Sésamo.
(Fonte: La Voz de Galicia)