Para o sector forestal galego, a pandemia foi como vivir tres anos nun. E ben intensos. Os primeiros meses de 2020, o mercado arrincou coa mesma atonía de finais de 2019. Houbo un descenso das vendas. O confinamento fixo temer o peor, pero coa calor do verán veu a recuperación. O último tramo de 2020 foi un auténtico rally. E non hai visos de que a demanda se vaia moderar. Está desatada: «Tras o verán de 2020 disparáronse os prezos no mercado a niveis nunca vistos nos últimos 25 anos», explica o profesor da escola de enxeñaría forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos.
Os datos da Axencia de Industria Forestal apuntan nesa dirección. Desde abril de 2020 a abril de 2021, o prezo da pasta e o papel medrou un 7,5%. A fibra de madeira, até un 8,3%. A madeira un 36,5%. Aínda que o máis espectacular foi o despegamento da madeira de coníferas, que se propulsou un 121,1% nun ano.
Que hai detrás desta febre polos produtos forestais? Desde a Asociación Española de Comercio e Industria da Madeira apuntan a un abanico de factores. En primeiro lugar a que en moitos países, as fábricas e serradoiros deixaron de producir durante o confinamento. Agora o sector é incapaz de abastecer a xigantesca demanda de Estados Unidos, China e Europa á vez. A isto súmase a escasa oferta de madeira nos países nórdicos e que os stocks en Suecia están nos seus niveis máis baixos en 20 anos. Ademais, Rusia prohibirá a exportación de troncos a partir do 2022. China, o seu principal cliente, xa está a buscar alternativas. Está a volver a comprar enormes cantidades de tronco de carballo en Francia, por iso as autoridades galas e alemás, ante a posibilidade de desabastecementos, están a realizar campañas para conseguir que polo menos o aserrado se faga nos seus territorios.
Fonte: La Voz de Galicia