A industria farmacéutica lanza unha iniciativa para destacar a colaboración público-privada en novos medicamentos

A Federación Europea da Industria Farmacéutica (EFPIA, nas súas siglas en inglés) acaba de lanzar unha iniciativa de divulgación, á que se suma Farmaindustria, co obxectivo de destacar a importancia da colaboración público-privada na I+D de novos medicamentos, dentro dun modelo de innovación en aberto que resulta clave para o futuro da biomedicina.

Baixo a etiqueta ‘#CarrytheTorch’ (Leva o facho), a iniciativa encádrase no segundo tramo da Iniciativa de Medicamentos Innovadores (2014-2024), programa que conta co apoio da Comisión Europea e destaca o traballo conxunto de entidades académicas, hospitais, asociacións de pacientes e axencias reguladoras para o descubrimento e desenvolvemento de futuras innovacións terapéuticas.

A iniciativa, impulsada en 2008 cun presuposto de 5000 millóns de euros, conta coa participación de máis de 9000 médicos e investigadores integrados en 1500 equipos públicos e privados, así como dunha trintena de organizacións de pacientes de ámbito europeo.

No caso de España forman parte de IMI un total de 131 equipos de investigación e 13 pemes e compañías farmacéuticas, ademais de 75 hospitais, universidades e organismos públicos de investigación.

Grazas aos proxectos desenvolvidos no primeiro tramo desta iniciativa paneuropea (2008-2014) conseguíronse resultados tanxibles como a creación da maior base de datos coñecida de estudos sobre esquizofrenia (proxecto Newmeds); o desenvolvemento de posibles novos tratamentos contra a crecente resistencia microbiana (proxecto Bad Bugs), ou a posta en marcha dunha base de datos de seguridade de medicamentos a partir de datos da industria farmacéutica e de información pública de toxicoloxía grazas ao proxecto Etox, liderado dende España.    

Segundo tramo

Na actualidade desenvólvese o segundo tramo do programa IMI (IMI2 -2014-2024), que conta cun presuposto de 3276 millóns de euros, dos que a metade corresponde á Comisión Europea e serven para financiar a parte pública, e a metade restante do custo é asumida, na súa inmensa maioría, polas compañías integradas en EFPIA.

Os consorcios público-privados levan a cabo os seus proxectos de I+D atendendo a un esquema de desenvolvemento da innovación terapéutica baseado en novas ferramentas de cribado e diagnóstico molecular de alta precisión, o que permite seleccionar aqueles colectivos de pacientes máis apropiados para lograr os mellores resultados e asegurar a eficiencia tanto do investimento como do traballo dos investigadores.

Os proxectos de I+D abranguen un amplo abano de patoloxías, se ben destacan as áreas de oncoloxía, Alzheimer, esquizofrenia e depresión, enfermidades infecciosas, patoloxías inflamatorias ou trastornos metabólicos.

“A I+D de novos medicamentos é un proceso moi complexo, longo e custoso; por iso é tan relevante, para poder avanzar, o desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privados a escala europea, sempre dentro dun modelo de colaboración en aberto que favoreza o intercambio de coñecementos e a consecución de resultados favorables no menor prazo posible”, explicou Amelia Martín Uranga, responsable da Plataforma de Medicamentos Innovadores de Farmaindustria.

(Fonte: Infosalus)