A industria 4.0, unha transformación económica e social

O 50% dos incrementos na produtividade das empresas ten que ver coa aplicación das novas tecnoloxías exponenciais que conforman a industria 4.0. Este foi un dos principais datos que se analizaron na xornada ‘Industria 4.0 e ecosistema de innovación’, organizada polo Foro de Empresas Innovadoras (FEI) e celebrada no Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Nela púxose de manifesto a necesidade de investir máis, tanto dende o público coma dende o privado, en innovación e na transformación dixital da industria española.

Juan M. Vázquez, secretario xeral de Ciencia e Innovación do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, resaltou a necesidade de avanzar no coñecemento e na transformación deste en competitividade e benestar para a sociedade. Considera que unha das materias pendentes segue estando en como “transformar as ideas en tanxibles” de forma máis áxil e que, para iso, o ámbito público e o privado “deben ir da man”, favorecendo “os puntos de encontro”. Así mesmo, sinalou que a industria 4.0 é unha realidade que xa está aquí e “que requiren as nosas empresas”. Por iso, adaptarse a ela é unha necesidade para que España teña unha industria “cada vez máis internacional, competitiva e conectada”.

Pola súa parte Luis Fernando Álvarez-Gascón, vicepresidente do Foro de Empresas Innovadoras (FEI), destacou que, se ben cada vez se fala máis de innovación, aínda “non é suficiente”. Na súa opinión, a I+D+i “non ocupa o lugar que merece e non é un obxectivo prioritario da alta política”, polo que permanece a brecha “que separa a investigación da empresa”. Pediu máis investimento en innovación, pero sen reducila a unha cuestión de presupostos, sinalando tamén a necesidade dun maior debate en canto a políticas e prácticas para impulsala.

Neste contexto, definiu a industria 4.0 como un “cambio profundo no económico e o social” de tal intensidade que cabe falar “dunha nova revolución industrial”, a cuarta, que se caracteriza pola súa velocidade. Un novo escenario que alcanza aos procesos de organización, o modelo de negocio e as persoas. É dicir, que é imprescindible “situar as empresas do futuro nun escenario distinto” con empregados diferentes e procesos diferentes. Tal e como afirmou Álvarez-Gascón, a industria 4.0 obriga a reinventarse baixo a idea de que “é unha oportunidade para os xogadores que aspiran a empoleirarse ao máis alto e España ten que sumarse a iso”. Pero para alcanzar este obxectivo, apostou por unha reindustrialización do noso país xa que “queda moito por facer”.

Adaptarse aos novos paradigmas 4.0

O vicepresidente do FEI cre que “non hai que dubidar do impacto destas tecnoloxías” que conforman a industria 4.0. Por iso, insta a adaptarse aos novos paradigmas que trouxo consigo a cuarta revolución industrial, entre os que está unha menor esperanza de vida das empresas, pasando dunha media de 60 anos a tan só 17.

Outra gran cuestión reside en como incorporar aos seus procesos produtivos as novas tecnoloxías e como adaptarse á nova forma de consumo que xurdiu da man da conectividade. De aí que apostara por “construír unha cadea de valor completamente diferente”, cunha “reconsideración global” da empresa e a súa estratexia nun contexto no que xorden novos modelos de negocio como as plataformas dixitais que necesitan dun novo talento.

(Fonte: Innovamás)