A industria 4.0 irrompe entre os empregos cualificados de maior demanda en Galicia

O peso do turismo e a hostalería no mercado laboral galego é “innegable”. Dío a Xunta na súa última análise sobre as ocupacións máis habituais. A pesar de que hai bisbarras especializadas en produción industrial ou as actividades agrogandeiras, os traballos vinculados á restauración encabezan a contratación en todo o territorio. Só os camareiros supoñen o 16% dos postos creados ao ano na comunidade.

En comparación coa cantidade de contratos que moven a hostalería, a loxística e as vendas, os empregos de alta cualificación non alcanzan cifras “relevantes”, pero a transición cara á economía intelixente e, particularmente a industria 4.0, está a provocar que a demanda de novos perfís moi formados para labores técnicos e o uso das novas tecnoloxías nas fábricas e as empresas sexa cada vez maior.

De momento, os traballos de alta cualificación con máis tirón en Galicia están en actividades sanitarias, recreativas e a docencia. Un patrón que se repite ao longo dos últimos anos. O informe das saídas profesionais publicado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cos datos de 2016 destaca “a forte entrada” na lista dos farmacéuticos. Tanto dos grupos máis coñecidos, con tarefas sanitarias e análises clínicas, como da área farmacotécnicas (farmacéutico industrial). Teñen “boas perspectivas” de ocupación nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense.

Dentro da gama de empregos formados existe “certo afianzamento”, sostén o departamento dirixido por Francisco Conde, dos deseñadores técnicos industriais e os analistas, programadores e deseñadores web e multimedia. Aínda que a maioría destes postos son comúns ás catro provincias, “é certo -sinala o balance- que hai algunhas ocupacións cualificadas vinculadas a unha provincia concreta”. Algo que evidentemente ten moito que ver cos motores económicos presentes en cada unha. Así, en Pontevedra fanse fortes os técnicos en control de procesos (automatización industrial ou robótica, entre outras funcións) e os asistentes de dirección e técnicos administrativos. Na Coruña predominan os analistas de sistemas e técnicos en prevención de riscos laborais. Os técnicos en eléctrica industrial e dixital en Ourense e veterinarios en Lugo.

“A partir destes resultados podemos intuír os cambios produtivos que se están a producir en Galicia, estimulados polo desenvolvemento da chamada industria 4.0”, relata o estudo elaborado polo Instituto Galego das Cualificacións, que recorda que este novo concepto de produción e organización no sector “busca unha industria galega capaz de adiantarse aos cambios e que estea constituída por fábricas intelixentes, automatizadas, flexibles, conectadas entre si, sustentables e sociais”.

Perfís destacados

Sobresaen 10 perfís de ocupación: técnicos en electricidade, programadores informáticos, delineantes e deseñadores técnicos industriais, técnicos en operacións de sistemas informáticos, farmacéuticos, técnicos en mecánica, enxeñeiros industriais e da produción, técnicos en metalurxia, técnicos de control de procesos (automatización industrial, robótica, etc.) e analistas, programadores e deseñadores web e multimedia.

“A aparición de sectores emerxentes ligados á industria 4.0, como as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ou a biotecnoloxía, están a potenciar o asentamento e mesmo a aparición de novos postos de traballo cualificados con boas perspectivas de emprego na nosa comunidade -afirma o Executivo autonómico-. Así mesmo, consolídase a contratación de ocupacións relacionadas co control dos procesos industriais ligados á robótica e á automatización industrial”.

(Fonte: Faro de Vigo)