“A parte mecánica, hidráulica e o control dos eixes está xa en marcha e as primeiras probas foron satisfactorias” afirman dende a empresa, que actualmente xa traballa en colaboración con empresas do sector, engadindo que “o coñecemento e control de todos os compoñentes dun proxecto é fundamental para o rápido desenvolvemento dun produto. Aplicar e unificar a experiencia de diferentes sectores foi a base primordial”.
A impresora House-Maker será lixeira, robusta, desmontable e pregable. Deseñouse para que poida ensamblarse rápida e doadamente, así como para ser instalada e traballar en ambientes climatolóxicos adversos e lugares de difícil acceso.
Ademais, din: “Queremos que a House-Maker sexa transportable para poder chegar a lugares onde aconteceu un terremoto e que estea operativa nun tempo razoable. As tendas de campaña ou portátiles achegan unha solución rápida, pero a moi curto prazo. A nosa impresora poderá imprimir, mesmo con vento e chuvia un refuxio monocasco de gran resistencia e durabilidade para aloxar unha familia de catro membros en menos de oito horas”.
Tres modelos no mercado
A empresa Lewihe, que foi creada a finais do 2014 e que desenvolve tecnoloxía propia no seu departamento de I+D+I lanzou ao mercado dende entón tres modelos de impresoras 3D: a impresora Lewihe Play 3D, destinada ao o sector de educación e unha das máis económicas do mercado e as impresoras profesionais Lewihe Sneaker 3D e Lewihe Sneaker 3D XL, destinadas aos sectores de deseño, arquitectura, enxeñería, médico e prototipado.
A marca Lewihe, coñecida pola súa tecnoloxía en impresión de filamento flexible máis rápida do mercado, embárcase agora nun proxecto de enorme envergadura. “As Nosas impresoras sempre marcaron unha diferenza e foron un referente. Coa House-Maker queremos seguir facéndoo”, afirman.
Lewihe House-Maker ten prevista a súa finalización para mediados de 2017.
(Fonte: EP)