A impresión 3D protagoniza o almorzo tecnolóxico do mes de xuño

A cita de xuño cos almorzos tecnolóxicos terá como protagonista a impresión 3D, que comeza a revolucionar os procesos industriais de múltiples sectores. O convite está dirixido ás empresas situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia e tamén ás do Polígono de San Cibrao das Viñas, co obxectivo de que intercambien coñecemento e oportunidades de negocio.

O almorzo organizado por Tecnópole, que terá lugar o 15 de xuño ás nove da mañá na terceira planta do Edificio CEI de Tecnópole, xa está aberto á inscrición.

Baixo o título “Posibilidades para a túa empresa da impresión 3D, os participantes recibirán claves prácticas dunha relatora experta e terán ocasión de intercambiar experiencias. A relatora será Ana Gómez, fundadora de masque3D, empresa de deseño para o modelado en tres dimensións.

Esta serie de almorzos tecnolóxicos enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a facer promoción activamente da competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Nesta ocasión, ofréceselles un formato de participación reducida como ventá de difusión das súas tecnoloxías e apertura de oportunidades de colaboración a través do intercambio de coñecemento ou ben de contactos comerciais para o inicio de proxectos conxuntos ou para a compravenda de tecnoloxía e dos servizos que se prestan mediante esa tecnoloxía.

(Fonte: Tecnópole)