A Galiciencia dá a benvida ao cento de investigadores mozos que expoñerán 34 proxectos ante máis de 2.700 persoas

A Galiciencia abrirá o vindeiro martes día 18 de novembro as súas portas no Auditorio de Ourense con 34 proxectos de investigación defendidos por un cento de alumnos de Secundaria chegados de toda Galicia e de Cataluña cos seus titores. Cada un dos equipos de investigadores mozos contará cun expositor no que amosará os resultados do seu traballo a través de maquetas, circuítos, murais e outros moitos soportes. O seu reto será trasladarlles o interese dos seus proxectos aos máis de 2.750 visitantes que se agardan ata o xoves, día da clausura, cando os mellores traballos, elixidos por votación do público, serán premiados.
n
nA Galiciencia é unha das actividades centrais da Semana da Ciencia en Galicia. Está organizada pola Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia- e patrocinada pola Consellaría de Innovación e Industria.
n
nUn total de 43 grupos de máis de 35 colexios galegos visitarán a ‘Galiciencia’, que permanecerá aberta ao público en xeral o martes e o mércores 9 a 14 e de 15 a 19 horas e o xoves de 9 a 13 horas. As visitas organizadas dos centros terán lugar polas mañás, coa intención de que as familias e particulares poidan achegarse libremente no horario de tarde, aínda que tamén poderán facelo pola mañá se o desexan.
n
nEntre os 34 proxectos que se expoñerán a semana que vén no Auditorio de Ourense atópanse os máis variados obxectos de investigación. Ao interese dos investigadores polas hormonas e as feromonas e a súa relación co amor, únese unha atención importante pola área das enerxías renovables, con un proxecto de bio-edificio ou varios métodos para obter enerxía a partir dos peixes, dos ascensores ou do aceite de cociña. Ademais, presentaranse dous robots e varios estudos históricos.
n
nActividades paralelas
n
nTanto os grupos escolares como o público xeral poderán asistir tamén ás conferencias do prestixioso divulgador científico Adolf Cortel, que terán lugar o martes e mércores de 10 a 12 horas e de 18 a 19 horas. Cortel  explicaralles aos asistentes as claves da electricidade estática a través de experimentos sorprendentes, que xa o ano pasado deixaron a máis dun cos pelos de punta.
n
nDurante o resto das horas non ocupadas polas sesións de Adolf Cortel terán lugar os obradoiros ‘Forzas e enerxías’, destinados a demostrarlles e explicarlles con experiencias prácticas aos asistentes que os nosos corpos están sometidos continuamente a forzas e enerxías que nos resultan invisibles pero que nos afectan. Os asistentes poderán ver como se pode levantar unha banqueta usando só a presión atmosférica, como se poden separar as follas entrelazadas dunha guía telefónica coa forza da fricción, xerar enerxía suficiente mediante o choque de dúas bolas metálicas como para provocar unha queimadura nunha folla de papel, usar un bazoka de aire para visualizar masas de aire e ver as súas traxectorias, etc.
n
nNo Auditorio haberá tamén continuas proxeccións dun ciclo de tres documentais e 10 capítulos do programa de TVE "Tres 14", cos que rapaces e maiores poderán achegarse dunha maneira amena a temas como a xestión dos recursos naturais, a clonación ou a arquitectura.
n
nAdemais, como novidade, este ano ponse en marcha a ‘Galiciencia na rúa’, que desenvolverá obradoiros/exposicións nas Galerías Comerciais Sol, Galerías Centrais e Xardíns Bispo Cesáreo da cidade de Ourense. Estas actividades, dirixidas a rapaces pero tamén a adultos, son un proxecto conxunto do CIS Madeira; o Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria; o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia e a Asociación Animacción, que contan co patrocinio de Caixanova.
n
nEn cada emprazamento articularase un espazo sobre unha temática diferente (segundo as áreas de traballo das entidades implicadas) no que os participantes poderán coñecer algo máis dos seus ámbitos de traballo a través de paneis expositivos e obradoiros dirixidos por monitores. Os espazos serán “Ciencia de madeira”; “Medindo o mundo”, centrado na medición de propiedades físicas, químicas e biolóxicas; e “Camiñando polo Universo”, que contará con espectaculares fotografías para aprender un pouco máis sobre a astronomía e cosmoloxía.