Durante os días 18, 19 e 20 de novembro a entidade organizadora, Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole, acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que os expositores recibirán a visita de grupos escolares de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, con entrada libre para particulares e familias tanto en horario de mañá, de 10 a 13 horas, como de tarde, entre as 15 e as 18 horas.
A representación máis numerosa na exposición de proxectos procede dos concellos de Ourense e Vigo, con 12 inventos e enxeños cada un. A provincia de Ourense complétase con outros 10 de Pereiro de Aguiar e un de Pobra de Trives. De Pontevedra chegan, ademais dos de Vigo, 3 de Mos, 2 de Poio, 2 de Meis, un de Sanxenxo, un das Neves e outro de Redondela.
Da provincia da Coruña proceden 4 de Santiago, outros tantos de Cambre e 4 máis de Ponteceso, que se completan con 2 de Ferrol. No caso de Lugo, aos 4 do concello capitalino súmanse outros 4 de Folgoso do Courel e un de Ribadeo.
A luz, protagonista
A Galiciencia chega á súa décima edición cunha oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos máis ampla que nunca, que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz a través de catro talleres orientados a diferentes idades. Neles, os participantes descubrirán os fundamentos e as propiedades da luz, das cores e do láser a través de espectaculares experimentos. Esta será tamén a temática da exposición instalada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da charla que poderá seguirse online desde calquera centro educativo de Galicia grazas á súa retransmisión en streaming.
Os máis pequenos terán a ocasión de mergullarse no mundo da robótica a través doutro obradoiro e todos os que visiten a Galiciencia poderán percorrer os dez anos do evento a través dunha exposición de fotografía na que se recollen os mellores momentos.
De novo, a Galiciencia contará cun equipo de reporteiros audiovisuais formado por participantes na feira que gravarán todo o que ocorra na exposición de proxectos e nos talleres e espectáculos para editar o vídeo oficial do evento coas mellores imaxes.
Ademais, o certame volverá montar a súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día.
Durante a clausura, ademais da entrega de premios aos mellores proxectos e ao gañador do concurso de fotografía científica convocado no marco do certame, todos os participantes soprarán as candeas dunha gran tarta para festexar o décimo aniversario da Galiciencia.