Os equipos de estudantes de Secundaria aspirantes a presentar proxectos á ‘Galiciencia’, a maior feira científica que se celebra anualmente en Galicia, teñen de prazo ata o 25 de outubro para facer chegar as súas propostas. O evento terá lugar entre o 25 e o 27 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas.
As bases de participación na ‘Galiciencia 2009’ están dispoñibles na web de Tecnópole (www.tecnopole.es). O requisito fundamental é formar un equipo no que participen varios alumnos e un profesor e contar a idea en tres folios, xa sexan proxectos experimentais e tecnolóxicos ou traballos documentais. O comezo do curso escolar supón o inicio da preparación dos proxectos para os equipos que xa se puxeron en contacto coa Tecnópole no mes de xuño para manifestar o seu interese en participar e consultar as primeiras dúbidas.
Á parte de facilitar o desprazamento e a estancia dos estudantes en Ourense e montar a infraestrutura da feira, Tecnópole organiza actividades paralelas para o público e para os propios participantes. Este ano, ademais da presenza xa habitual do divulgador Adolf Cortel, coas súas conferencias de ciencia divertida, haberá obradoiros relacionados coa celebración a nivel europeo do Ano Darwin, do Ano Internacional da Astronomía e do Ano da Creatividade e da Innovación.
Neste sentido, ademais de actividades relativas á Teoría da Evolución e da instalación dun planetario, ‘Galiciencia’ contará cunha sección especial que estará ocupada polos proxectos resultantes do programa ‘TIC-TAC! Talentos da Innovación e da Creatividade’, unha iniciativa na que a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA) e Tecnópole colaboran para poñer en contacto a alumnos galegos de Secundaria e de FP coa experiencia do emprendemento innovador e que lles axudará a deseñar o seu propio plan de negocio con base nas súas ideas e inventos. Esta iniciativa foi seleccionada pola Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) para ser financiada no marco do seu Programa para o Fomento da Cultura Científica e Tecnolóxica.
Espírito emprendedor
O obxectivo principal desta iniciativa, que Tecnópole organiza desde hai catro anos co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas da ESO, de Bacharelato e de FP con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que Parque Tecnolóxico de Galicia pon á súa disposición durante tres días en réxime de portas abertas.
A intención dos promotores da feira é seguir aumentando, como veu ocorrendo nas edicións anteriores, o número de visitantes, que en 2008 superou os 2700, entre escolares en viaxes organizadas desde centros de toda Galicia e o público que acudiu por libre.
Os cen estudantes de Secundaria que participaron como expositores na anterior edición defenderon un total de 34 proxectos orientados a propoñer solucións para necesidades moi presentes na vida cotiá.
Os proxectos expostos na ‘Galiciencia’ serán sometidos á consideración dun xurado experto, que elixirá os mellores para outorgarlles o primeiro e o segundo premio da feira. O proxecto gañador en 2008 consistía nun bioedificio, capaz de autoabastecerse a través das enerxías renovables. O segundo galardón recaeu nun sistema de obtención de enerxía eléctrica a partir do movemento dun ascensor.