A biotecnolóxica galega Qubiotech Health Intelligence, con sede na Coruña, vén de pechar con éxito unha rolda de financiamento dando entrada no seu accionariado aos fondos especializados Sémola Tech Ventures e Nowture. Qubiotech dedícase ao desenvolvemento e comercialización de software para mellorar o diagnóstico e seguimento de enfermidades neurodexenerativas a través do procesamento de imaxes baseado na Intelixencia Artificial (IA).
A experiencia de Nowture en mercados emerxentes, así como na internacionalización de empresas biotecnolóxicas, permitirá a Qubiotech acadar acordos de comercialización en novos mercados de alto potencial de crecemento. Qubiotech comercializa a plataforma de análise de neuroimaxe Neurocloud. Esta plataforma é un dos poucos produtos no mercado que acubilla ferramentas que permiten a análise de imaxes do cerebro adquiridas con Tomografía de Emisión de Positróns e Tomografía computarizada por emisión de fotón único, facilitando a detección e cuantificación de anormalidades nunha mesma contorna para facultativos de Medicina Nuclear, Radioloxía e Neuroloxía.
A día de hoxe Neurocloud é empregada en 20 hospitais de España e Portugal e xa axudou a interpretar máis de 7.000 imaxes de doentes con enfermidades como demencias, alzhéimer, párkinson, esclerose múltiple ou epilepsia.
Fonte: Código Cero