Cinco anos de penetración no mercado nacional e dende hai dous con proxección internacional, agora acaba de chegar ao continente asiático. Trátase de Galifresh, a división de purés de froitas e cremas de verduras do grupo vigués Frutas Nieves, que participou na primeira edición do programa de aceleración Agrobiotech Innovación e vai camiño de dobrar a súa facturación en apenas dous anos ata os 1,5 millóns de euros.
Agora, tras a súa recente participación na feira Asia Fruit Logística, celebrada en Hong Kong, onde presentou os seus purés de froita 100% saudables, amplía o seu plan internacional, tal e como confirmou o seu xerente, Eusebio Méndez.
A compañía galega, nacida no 2012, introducirase no mercado asiático a partir da experiencia que durante os últimos dous exercicios desenvolveu en países de Centroamérica e Sudamérica. “Comezamos a ter resultados en Chile, Panamá, a República Dominicana e Guatemala, e pronto en Canadá”, di Méndez. Ademais, consolida as vendas en Europa, especialmente en Francia, Andorra, Portugal e Suíza, onde a firma xa abriu unha oficina comercial, comenta o xerente. Da súa actual produción, máis dun 80% das vendas destínanse ao mercado nacional, e o resto ao exterior.
O crecemento de Galifresh dentro e fóra de España radica na oferta de froitas e hortalizas de cuarta e quinta gama, é dicir, as cortadas e envasadas listas para o consumo (cuarta gama) e as xa transformadas en produtos elaborados como purés e cremas de verduras (quinta gama).
Frutas Nieves é o seu principal provedor de materias primas, que en boa parte proceden do campo galego. Non conteñen nin aditivos, nin colorantes, nin azucres engadidos, e ademais garante Galifresh nos selos de cada unha das súas terrinas que tampouco levan glute nin lactosa.
Pechará o exercicio con preto de medio millón máis de envases vendidos en purés de froitas respecto a todo o 2016, pois entre xaneiro e agosto deste ano xa se superara a cifra de 2,4 millóns (2,1 millóns, no 2016) e un 40% máis nas cremas de verduras, no mesmo período.
Emprego integrador
Este incremento de vendas e de mercado paulatinos mantén a produción concentrada integramente na súa sede de Vigo, que xera 35 empregos, dos que polo menos un 80% son persoas con algunha discapacidade.
A compañía mantén a mesma filosofía de integración que cando se creou xunto con Cogami. Aínda que a confederación galega xa non forma parte do proxecto empresarial, si se manteñen os criterios de contratación, que se distinguen por fomentar a integración de persoas con diversidade funcional.
A empresa dispón ademais dun departamento de I+D que traballa xa en lanzamentos con novidades en sabores e texturas, explica Eusebio Méndez.
(Fonte: La Voz de Galicia)