A galega Coinscrap (Tecnópole) achega aos clientes do Santander unha ferramenta para aforrar de xeito sinxelo

A firma tecnolóxica galega Coinscrap, que dá nome a unha aplicación que nos permite redondear as nosas compras con cartón de crédito ou débito pasando a diferenza entre a compra e o redondeo a unha conta de aforro, aliouse co Banco Santander para achegar aos clientes da financeira unha solución que lles permita aforrar da maneira máis sinxela, útil, eficiente e eficazmente posíbel.

O acordo responde ao obxectivo do banco de “converterse na mellor plataforma dixital de servizos financeiros do mundo”. Ao abeiro deste desafío, iniciou un traballo conxunto coa empresa fintech Coinscrap Finance, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, coa que desenvolveu a ferramenta Hucha Santander. Trátase “dunha solución sinxela, automática e intuitiva que axuda aos usuarios a aforrar de maneira divertida e sen esforzo”, explican.

Este módulo de microaforro permite aos clientes alcanzar os seus obxectivos mediante a configuración de regras automáticas, como o redondeo das compras ou os traspasos periódicos. Ademais, sinala o Santander, “o usuario pode personalizar as súas metas de aforro cun nome e imaxe ao seu gusto e definir un límite temporal para conseguilos, o que aumenta o seu compromiso e motivación”. Ademais, permítese achegar á Hucha unha cantidade definida polo cliente cos goles do seu equipo de fútbol favorito da Liga Santander ou realizar achegas puntuais, así como compartir as metas establecidas.

Entre as vantaxes desta ferramenta atópase a posibilidade de dispoñermos do noso saldo en calquera momento, pois os cartos acumúlanse na Hucha Dixital, unha conta corrente sen comisións e de contratación dixital onde os aforros están 100% seguros. Outras funcionalidades da Hucha son os traspasos entre obxectivos, as alertas de cumprimento, a posibilidade de ver o saldo de todas as metas ou que movementos foron os que xeraron o aforro.

Fonte: Código Cero