A galega Coinscrap logra 2,2 millóns para internacionalizarse (Tecnópole)

Aforrar sen decatarse é a proposta de Coinscrap, unha startup galega que leva en funcionamento desde o 2016. Trátase dunha aplicación para móbiles que redondea ao euro máis próximo calquera compra ou cargo na conta corrente. Automaticamente transfire eses céntimos de diferenza a un produto de aforro. Un servizo que lles valeu para pechar unha rolda de financiamento coa que captaron 2,2 millóns de euros, cos fondos Helvetia Venture e Faraday Venture Partners como principais investidores.

Esta fintech de ADN galego está liderada por David Conde, conselleiro delegado. A inxección de fondos é para el unha oportunidade para cumprir obxectivos: «A idea é que sirva para consolidarnos como os referentes en España e empezar co escalado do produto a nivel internacional cara a novos mercados». O galego asegura que xa pecharon un novo contrato para operar en México.

A compañía xa pechou o seu último exercicio con moi bos datos, máis que triplicando a súa facturación respecto ao ano anterior, tras ser contratados por bancos e aseguradoras para personalizarlles produtos de planificación financeira. Nos últimos meses conseguiron pechar acordos con entidades relevantes como o Banco Santander, para o que desenvolveron o servizo Hucha Santander: «Axudámoslles a desenvolvela en menos tempo e con menos diñeiro que se o tivesen que facer eles», apunta Conde.

Tanto con este servizo, como con Coinscrap, os usuarios (na súa maioría xoves) poden establecer as súas propias regras de aforro. Así, poden escoller entre reservar unha porcentaxe da súa nómina cando reciben o ingreso, aforrar unha cantidade de forma recorrente, ou mesmo facelo só cando gaña o seu equipo de fútbol ou cando camiña unha distancia determinada nun día. O obxectivo é mellorar a economía sen apenas notalo.

Coa entrada dos novos investidores, Coinscrap reforza a súa estratexia de incorporar no capital a compañías clave dentro do sector financeiro. «Cremos que a participación na rolda dunha aseguradora con presenza internacional como Helvetia, ou da Fundación Bankinter, valida o noso modelo de negocio», argumenta David. De feito, nesta rolda repiten Kalonia Venture Partners, Latinia, Xesgalicia, Draper B1 e o family office Alanzady España.

Longo percorrido

Jaime Biel é o director xeral de Faraday, unha rede europea de clubs de investidores privados que se presenta como un dos principais socios nesta operación. A súa aposta pola firma galega está motivada polo seu gran potencial a longo prazo: «Cremos que responde á crecente necesidade de planificar as finanzas, o que a converte nun investimento moi atractivo».

Fonte: La Voz de Galicia