En función das bases do concurso, poden participar nesta convocatoria todas as persoas pertencentes á comunidade universitaria, ademais de emprendedores con ideas novidosas, segundo informa a institución.
Xunto á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, o xurado dos galardóns valorará aspectos tales como o grao de innovación da idea, ou a viabilidade, sustentabilidade e alcance do proxecto, que entre outras temáticas haberá de abordar as relacionadas coa accesibilidade na mobilidade, os edificios e o seu equipamento, o mobiliario urbano ou a mercadotecnia e o deseño universal.
Tres categorías
A II edición dos Premios Uninnova conta con tres categorías: Idea, Proxecto e Produto ou Servizo. Na primeira delas encadrarase os traballos cunha idea sobre un produto, ben ou servizo en materia de accesibilidade para mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade.
Dentro do apartado Proxecto, englobaranse as propostas que ademais dunha idea inclúan un soporte en forma de proxecto e metodoloxía para levalas a cabo. Finalmente, no denominado Produto ou Servizo terán cabida os traballos que describan unha idea, conten cun proxecto e metodoloxía para levala a cabo e cun plan de negocio “con xustificada viabilidade e sustentabilidade no tempo”.
Con respecto ao proceso de selección das candidaturas, realizarase en tres fases: Ideación, Validación de Ideas e Resolución do xurado. Na de Ideación, os participantes, unha vez rexistrados, deberán promocionar a súa idea a través do Muro de Ideación, dispoñible en http://uninova.es.
Durante a fase de Validación de Ideas levarase a cabo unha preselección de tres propostas por categoría, que se analizarán na posterior, de Resolución do xurado, onde se elixirá unha das preseleccionadas para os apartados Idea e Proxecto. En canto á adxudicación do premio ao traballo gañador na categoría de Produto ou Servizo, faraa o xurado dos Premios Discapnet, a partir dos preseleccionados.
Os traballos gañadores nas categorías Idea e Proxecto terán un certificado de recoñecemento por parte das entidades promotoras do concurso, a promoción e difusión do proxecto co soporte de Fundación ONCE e Uninnova e, no caso da proposta do apartado de Proxecto, a súa validación con usuarios finais.
A proposta gañadora na categoría de Produto ou Servizo será galardoada co Premio ao Proxecto de Emprendemento de Accesibilidade (TIC Categoría C dos Premios Discapnet da Fundación ONCE ás Tecnoloxías Accesibles), que contará cunha dotación económica de 5000 euros, que deberá destinarse integramente ao desenvolvemento do proxecto de emprendemento co que participou en Uninnova.
Os interesados en participar nestes premios, dentro da categoría de Ideas, teñen de prazo para inscribirse e facer promoción da súa proposta ata o 31 de marzo de 2017, data a partir da que se revisarán as candidaturas como paso previo á resolución do xurado, que deberá producirse antes do dos Premios Discapnet.
(Fonte: Agencias)