A Fundación Galicia Sustentable recoñece o labor de Agroamb nos Premios Somos Paisaxe

A Fundación Galicia Sustentable outorgou unha mención especial á Fundación Fundación Blas de Ponte de Outeiro, pertencente ao Grupo Agroamb, por impulsar a Guía de boas prácticas paisaxísticas na Terra Chá, elaborada pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Veiga.

A distinción foi recollida por Severiano Ónega –que declarou que este recoñecemento é unha honra para o Grupo Agroamb–, durante a entrega do Premio Somos Paisaxe, celebrado na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

O Premio Somos Paisaxe foi instaurado pola Fundación Galicia Sustentable para a difusión, a divulgación e a participación social sobre a paisaxe no marco dun convenio de colaboración co Instituto de Estudos do Territorio.

A Guía de Boas Prácticas Paisaxísticas na Terra Chá foi presentada en xullo deste ano co obxectivo de aproximar a poboación da comarca á súa paisaxe, descubrir o seu valor e propor recomendacións nas intervencións sobre os elementos do territorio que axuden a un desenvolvemento sustentable do medio rural e á súa mellora paisaxística.

Así, propón fórmulas para atopar o equilibrio entre o desenvolvemento e a conservación dun valioso patrimonio tradicional e natural; conseguir a integración harmoniosa do conxunto, onde as edificacións, cultivos e espazo público poidan ser lidas como unha unidade; e mesmo entender as especificidades da paisaxe da zona e a súa relación cos elementos construídos. O documento finaliza cun decálogo de boas prácticas e recomendacións específicas co fin de contribuír a que a integración paisaxística se desenvolva dunha maneira sinxela e de calidade.

(Fonte: Afriga e Agroamb)