O experto en coaching de equipos comerciais Felipe García compartirá a súa visión e a súa experiencia sobre o mundo das vendas desde a óptica da intelixencia emocional. “O mundo cambiou e as relacións e as persoas tamén. Queiras ou non, as vendas tamén cambiaron”, asegura.
O obxectivo desta sesión práctica de dúas horas, que comezará ás 11.30 no edificio CEI, é ofrecer fórmulas para non só conseguir clientes nun mundo tan cambiante e desafiante como o actual, senón mantelos a longo prazo.
Neste sentido, a dinámica da actividade terá un enfoque fundamentalmente práctico e baseado en experiencias reais. “Fuximos do modelo clásico de exposición de técnicas de peche, que levadas á realidade do día a día do comercial non funcionan, e centrámonos en todo aquilo que contribúe a xerar relacións rendibles e de calidade co cliente”, asegura Felipe García.
Os temas que se irán debullando na sesión inclúen un repaso aos cambios que se produciron no concepto das vendas en relación ao pasado e as técnicas que mellor funcionan na actualidade. O experto dará consellos para construír un novo modelo de vendas baseándose na intelixencia emocional, xa que mellorar o modo de relacionarse cos clientes e empatizar con eles é fundamental para que a estratexia comercial funcione. “Comprender, analizar e propor solucións achegan ao vendedor un valor diferencial, por iso hai que entender e practicar a venda humanizada”, explica.
Felipe García é socio-director do Grupo Acción Consciente e acumula vinte anos de experiencia en vendas, sobre todo nun dos sectores máis agresivos a nivel comercial: o das telecomunicacións, en empresas como Amena e Ono.