A empresa Smarttek, con sede en Santiago, lanza os seus novos robots para a limpeza de paneis solares. A firma, que aposta desde hai nove anos pola innovación, pretende dar resposta «a unha necesidade que detectamos ante o elevado volume de instalacións de paneis fotovoltaicos, tanto para pequenas como para grandes instalacións». Sinálao José Manuel Ruíz Pérez, conselleiro delegado da compañía que é xa líder nos robots para limpeza de cristais, quen engade que lanzarán simultaneamente «un robot deseñado para fogares ou empresas con dez ou doce placas, e outro para atender á industria, en naves que teñen toda a súa cuberta con paneis solares, ou plantas de produción de enerxía».
Porque subliña a importancia de limpar regularmente unhas placas nas que a sucidade acumulada «segundo estudos científicos supón unha perda de produción de enerxía que pode ir do 10 ao 40%. É indubidable, por tanto, a necesidade dunha limpeza periódica, polo que lanzamos estes robots que permiten facelo de forma autónoma».
A empresa, que ten a súa produción en Taiwán, fabrica ademais robots para fregar chans e alfombras, e no seu catálogo para xardín puxo á venda hai cinco anos un cortacéspede capaz de operar en pendentes de até o 57%.
Co seu principal mercado en España, pero con presenza tamén en Italia, Alemaña e Colombia, reforza a súa expansión internacional e participa no programa “Galicia Avanza” da Xunta e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Fonte: La Voz de Galicia