A firma Safetop expándese a Suíza co apoio de “Galicia Avanza”

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica “Galicia Avanza” ten en marcha a súa cuarta edición, na que se seleccionaron 30 empresas de toda a comunidade. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, entidade encargada da súa xestión e coordinación.

As empresas beneficiarias están a participar nun programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2026, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Entre estas compañías atópase Safetop, especializada na fabricación e distribución de equipos de protección e seguridade laboral, que busca reforzar a súa presenza no mercado exterior a través da súa liña de luvas para profesionais, sistemas anticaída e solucións dixitais neste eido. Os seus produtos están desenvoltos con tecnoloxía propia.

Safetop é unha firma líder no sector de equipos de protección Individual (EPIs). Vén de dar un novo paso na súa estratexia de expansión internacional co establecemento do seu primeiro distribuidor oficial en Suíza, co que vai fortalecer a súa presenza no esixente mercado helvético, caracterizado por ser altamente competitivo. “Este acordo marca a nosa entrada no mercado suízo, unha rexión recoñecida polos seus elevados estándares de calidade e esixencia” -sinala o responsable de exportacións, David Míguez-.

“Estamos entusiasmados coa nosa entrada no mercado suízo. É a primeira vez que comercializamos os nosos produtos neste país, e confiamos en que será o comezo dunha relación exitosa e duradeira” -manifesta Míguez-. Pon de relevo que este movemento estratéxico non só reforza a presenza das solucións de seguridade laboral da compañía galega en  Europa, senón que tamén valida a calidade e a innovación dos seus produtos a escala global.

Safetop, presente en Europa, América e África

Safetop traballa para garantir a seguridade dos traballadores en sectores moi diversos -industrial, construción, sanitario…-, a través de solucións innovadoras e certificadas. Tralo seu desembarco en Suíza, a compañía eleva a preto de 20 os países nos que mantén unha presenza activa dos seus produtos, entre eles Qatar, Angola, Tunes, Marrocos, Estados Unidos, Panamá, México, Uruguai, Guatemala, Alemaña, Italia, Francia, Suecia, Dinamarca, Letonia, Eslovenia ou Eslovaquia.