A irrupción dos drons na sociedade non fixo máis que empezar. Son o presente e o futuro, chamados a converterse nunha ferramenta fundamental nos servizos de loxística. A empresa galega Aerocamaras, con sede en Lalín, sábeo, non en balde é líder no sector e apoiouse neses vehículos aéreos non tripulados (RPAS, polas súas siglas en inglés) para pór en marcha dúas iniciativas pioneiras como son DroneMaritime e DroneToYatch, senllos servizos especializados de mensaxería, para o envío de mercadorías a buques en alta mar, o primeiro, e para a repartición con drons delivery a barcos, iates, campos de golf e mesmo urbanizacións de luxo, o segundo.
Precisamente a experiencia adquirida nesas operacións pioneiras animaron a Aerocamaras a lanzar unha formación única e pioneira como é o primeiro curso oficial de piloto profesional de drons en loxística a nivel mundial. Unha iniciativa que nace «co obxectivo de impulsar o desenvolvemento deste sector en auxe e atender así o interese que xera esta actividade en multitude de profesións», explica a compañía.
A formación en drons permitirá aos estudantes coñecer todas as fases da operación loxística con drons: desde a solicitude de permisos e planificación de voo, até o uso dunha aplicación específica de pedidos; reforzando á súa vez a técnica de voo de cada un dos futuros pilotos profesionais.
Superar este curso suporá obter o certificado oficial da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, que permite voar aparellos de até 25 quilos (de todas as clases C e en todos os escenarios, incluído o 3, de risco e complexidade alta). Así mesmo acreditará para realizar voos en contornas urbanas e tamén fóra do alcance visual en todo o territorio europeo.
Esta formación especializada dá acceso automático á bolsa de emprego de Aerocamaras, que explica que preto do 90% dos seus traballadores foron alumnos seus. Iso, sen ter en conta que saber manexar e controlar drons abre numerosas portas dentro de moitos campos do mercado laboral, desde a topografía, a inspección técnica á agricultura de precisión.
Fonte: La Voz de Galicia