O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica “Galicia Avanza” ten en marcha a súa cuarta edición, na que se seleccionaron 30 empresas de toda a comunidade. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, entidade encargada da súa xestión e coordinación.
Entre as empresas beneficiarias atópase a fintech Coinscrap Finance, que emprega a tecnoloxía para ofrecer solucións financeiras de maneira novidosa e eficiente. Naceu coa intención de axudar á poboación a mellorar a súa capacidade de aforro sen esforzo a través de aplicacións de microaforro e, desde a súa creación, os seus promotores xa desenvolveron diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira. Na actualidade, a firma está en fase avanzada de expansión por Latinoamérica, cunha presenza moi destacada en México.
A compañía galega conta cun motor de Intelixencia Artificial propio, denominado COCO, que foi adestrado con miles de millóns de transaccións. Segundo os seus creadores, “esta ferramenta ofrece un 95% de precisión na categorización do consumo bancario e dispón de todo un ecosistema de solucións que permiten detectar patróns e automatizar recomendacións, de xeito que os bancos poden hiperpersonalizar a súa oferta de produtos e servizos en tempo real, desde estratexias de aforro ata préstamos adaptados a cada perfil de cliente”.
No caso de México, país cuns 86 millóns de usuarios na banca dixital, Coinscrap estase a consolidar como o aliado estratéxico das entidades que buscan adaptarse ao auxe dos neobancos -que operan exclusivamente a través de canles dixitais- e as finanzas xenerativas. “Un 65% dos mozos mexicanos xa prefiren os neobancos, debido á axilidade, personalización e baixos custos destas entidades. Pola súa parte, as finanzas xenerativas permiten analizar e descifrar grandes volumes de datos, descubrir patróns e tendencias que doutro xeito pasarían desapercibidas e, polo tanto, anticipar as necesidades financeiras de cada usuario e deseñar solucións a medida” -indican desde a empresa-.
A firma galega está a contribuír á inclusión financeira en Latinoamérica
Con máis do 45% dos adultos en Latinoamérica sen acceso a servizos financeiros, ferramentas como o pre-scoring crediticio -proceso preliminar de avaliación que realizan as entidades financeiras para determinar a viabilidade de outorgar un crédito- son clave para pechar esta brecha. A tecnoloxía desenvolta pola fintech galega permite avaliar a persoas sen historial crediticio formal a partir de pagos de servizos, transferencias e outros comportamentos financeiros; o que contribúe á inclusión financeira da poboación.