A financeira Infinitus Rent, novo membro da Asociación Española de Leasing e Renting

A empresa Infinitus Rent, situada en Tecnópole, acaba de ingresar como membro da Asociación Española de Leasing e Renting (AELR), que agrupa as empresas do sector máis relevantes do país. Para a tecnolóxica galega, isto supón un fito importante que consolida o seu modelo de negocio apostando por nichos relacionados coas novas tecnoloxías e a industria 4.0.
 
“Estar na primeira liga de financeiras de renting de España supón unha garantía de calidade e seriedade de cara aos nosos clientes, axentes e colaboradores”, explica Alberto Rodríguez, director de negocio de Infinitus Rent.
 
Os vertixinosos cambios tecnolóxicos e a rápida obsolescencia fan que na actualidade o aluguer sexa unha opción máis rendible para moitas empresas. Isto permítelles destinar os seus recursos de tesourería ou financeiros aos seus procesos produtivos e non aos seus investimentos de maquinaria ou sistemas de produción.
 
Neste escenario, Infinitus Rent centra a súa estratexia en crecer e consolidar o seu modelo de negocio en España. Fundada por varios empresarios do sector tecnolóxico e financeiro, conta cun know-how que lle permitiu formalizar contratos de arrendamento que outras financeiras “ao uso” non abordan. “Por exemplo, o renting de baterías eléctricas para autoconsumo e vehículos eléctricos ou de software específico produtivo. Afrontamos proxectos en nichos de mercado aínda non abordados polas grandes financeiras”, detalla Rodríguez. “Ademais contamos con produtos tecnolóxicos propios procedentes doutras empresas do grupo, o que supón unha fonte continua de operacións para formalizar contratos de arrendamento tecnolóxico”.

Expansión internacional
 
Polo que respecta ao mercado exterior, Infinitus Rent constituíu recentemente unha filial en Portugal coa idea de dar o salto a este mercado da man dun fondo americano.
 
Durante os dous próximos anos, a prioridade da empresa será crecer e consolidarse na península ibérica. “A partir desa data formulámonos expandirnos a outros mercados, a través da exploración constante de nichos de mercado actualmente non atendidos por outras financeiras como as enerxías renovables, internet das cousas (IoT), autoconsumo, etc.”, expón o director de negocio.