Os fabricantes de PC, móbiles e outros equipos de electrónica de consumo dan a voz de alarma: non teñen suficientes chips para atender a demanda, acirrada pola pandemia, e os seus custos están a dispararse pola subida do prezo dalgúns compoñentes. ¿Consecuencia? Os prazos de entrega dos equipos están a ampliarse de maneira preocupante e o cliente acabará pagando máis polos dispositivos.
Mikako Kitagawa, director de investigación de Gartner, asegura nun informe da consultora que “a escaseza global se semicondutores e as consecuentes limitacións de subministración de compoñentes estenderon o tempo de espera para algúns modelos de portátiles empresariais até 120 días”. Segundo este experto, isto provocou un aumento dos prezos na lista de materiais, que os provedores transferiron aos usuarios finais. “E, no futuro, o aumento dos prezos podería frear a demanda de PC durante o próximos seis a 12 meses”.
“A industria está hoxe dous trimestres por detrás do mercado. É unha situación moi complicada porque estaba afeito a que lle entregases a mercadoría solicitada en 45 días ou dous meses máximo e, agora, en bastantes casos, pasouse a catro ou cinco meses. É un atraso importantísimo, que ten un impacto moi negativo na industria do PC”, di un alto directivo do sector.
Alberto Ruano, director xeral de Lenovo España, expón outro problema ligado ao anterior: a súa empresa e outras máis non se están presentando a algúns concursos públicos porque as Administracións están a penalizar aos provedores por non entregar a tempo. “Penalízannos por máquina e día. É moi triste, porque coñecen perfectamente a situación que se está a vivir, non só derivada da falta de semicondutores senón dunha forte demanda de computadores como consecuencia da pandemia, que impulsou o teletraballo e a educación e o entretemento por internet”.
Fonte: Cinco Días