Adolfo Domínguez aferrouse á súa nova colección baixo o suxestivo título de “El sexo” para deixar atrás o pau do coronavirus, moi forte no caso da industria da moda. A compañía ourensá non dubidou mesmo en desterrar as vellas maneiras, sen pasarelas polo medio, e montou o máis parecido que hai a unha festa en tempos de pandemia para a presentación, retransmitida en directo polas súas redes sociais, onde, como moitas veces dixo xa a súa presidenta, Adriana Domínguez, nótase o rexuvenecemento da clientela. E está a dar os seus froitos. As vendas do seu primeiro trimestre fiscal, que vai de marzo a maio, disparáronse un 118%, até os 14,6 millóns de euros, en comparación co mesmo período de 2020, xusto cando estalou a crise. Aínda así, a cifra de negocio sitúase un 28,7% por baixo da de 2019 (20,5 millóns) e as perdas superaron os 8,6 millóns de euros, un 6% máis.
Ademais da aposta renovada de tendencias, na mellora evidente do negocio ten moito que ver o furor do online, que segue a medrar moi por enriba da facturación en tendas físicas: un 62,5%. O incremento da cifra de negocio é xeneralizada en todos os mercados, aínda que especialmente intensa na rede de 184 establecementos de Europa -onde chega ao 270%- “debido á reactivación da mobilidade e á redución das restricións ao comercio físico”.
A marxe bruta alcanza os 16 millóns de euros tras dispararse preto do 154% e o resultado operativo sobe un 38% (6,3 millóns), lastrado polo incremento dos custos -16,3 millóns, o dobre que entre marzo e maio de 2020- derivados do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) con 204 despedimentos e 55 prexubilacións pactado en maio cos sindicatos para alixeirar a estrutura do grupo e asegurar a viabilidade futura.
Adolfo Domínguez tamén comunicou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a entrada no máximo órgano de decisión da compañía de Diana Morato, ex conselleira delegada de Deliveroo; e de Rafael Prieto, ex director global de Marketing de Peugeot.
Fonte: Faro de Vigo