A non moito tardar, as empresas e autónomos van ter que expedir e remitir facturas electrónicas. Agora mesmo e desde o 2015, é voluntario, pero a nova Lei Crea e Crece impono como obrigatorio. As sociedades deben empezar xa a pensar en dar o salto a esta nova realidade.
En función da facturación das sociedades, a Lei establece dúas velocidades para a obriga de empezar a emitir facturas electrónicas. Aquelas empresas e autónomos que superen os oito millóns de euros anuais deben traballar con facturas dixitais no prazo dun ano desde a publicación da norma no BOE. Para todas aquelas cunha facturación inferior aos oito millóns de euros, o prazo é maior, de tres anos desde a publicación da normativa no boletín estatal.
Tamén están definidos os requisitos tecnolóxicos que deberán cumprir empresas e autónomos, que terán que contar cun programa de facturación electrónica para a súa xestión. E non só que sexa capaz de emitir facturas electrónicas, senón tamén de recibilas.
Como debe ser a facturación electrónica? O contido debe ser o mesmo que o dunha factura física. Tamén está definido o tempo que debe estar dispoñible o documento. E é que empresas e autónomos deben facilitar o acceso aos destinatarios para poder ver, descargar e imprimir as facturas de forma gratuíta durante un período de catro anos, mesmo cando se disolva a relación contractual.
Para facer máis sinxela esta transición cara á factura electrónica, tanto as pequenas e medianas empresas como os autónomos poden acceder ao kit dixital que puxo en marcha o Goberno de España e que facilita ás compañías de 1 a 50 empregados unha solución técnica que ademais pode contar con axudas e subvencións.
Fonte: La Voz de Galicia