A fabricación de prendas supera os 400 millóns de facturación

No conxunto do territorio galego, as vendas das compañías téxtiles supuxeron unha facturación de 1.365 millóns de euros; é dicir, o 44,2% de todas as pezas fabricadas en España. En Ourense son tres as firmas que aglutinan boa parte deste pastel: Adolfo Domínguez, Lonia Téxtil e Roberto Verino, tres históricos do sector que o pasado ano amosaron a súa boa saúde e recuperación tras o pau da pandemia.

No caso de Roberto Verino, continúa na senda da recuperación, moi preto xa dos niveis prepandemia. Así, os últimos datos achegados, relativos ao ano 2021, supuxeron un disparo dos ingresos até os 28 millóns, cifras que continuaron en aumento durante o seguinte exercicio.

Inmerso nun proceso de transformación para adaptarse aos novos retos da industria, o ano 2022 foi o da recuperación para o téxtil ourensán, aínda que o encarecemento das materias primas foi fundamental para retardar este avance. Son, ademais, tres das empresas ourensás que rexistran maiores índices de exportacións, con presenza no ámbito nacional e internacional -de feito, en 2017, América perfilouse como o principal destino das pezas “made in” Ourense-.

Fonte: La Región